O PP de Cambados esixe ao cuatripartito que inicie de inmediato as obras de mantemento nos colexios, xa que presentan mal estado e moitas eivas a unha semana do inicio de curso

Cambados, 30 de agosto de 2025

O grupo municipal do PP de Cambados vén de esixirlle ao goberno cuatripartito que inicie de inmediato e coa maior urxencia as obras de mantemento nos colexios públicos, xa que presentan un mal estado xeral e moitas eivas a unha semana do inicio do curso escolar, programado para o luns 8 de setembro, e ademais insisten en que esta “triste situación” se repite por terceiro ano consecutivo.

Os populares lembraron que o executivo local xa incumpríu coas súas obrigas en materia de conservación destes centros públicos nos anos 2023 e 2024 e agarda que “se poña as pilas” malia que só restan cinco días hábiles antes do comezo das clases, porque apuntou que os demais concellos da contorna e do resto da provincia xa están rematando con estas tarefas e en Cambados nin deron comezo. “Aquí as cousas ou non se fan ou van tarde, mal e arrastro. Esto é un caos absoluto porque non hai a mínima planificación, por non pensar que é que non queiran facer as obras, xa que os problemas se repiten todos os anos”, significou a voceira municipal, Sabela Fole.

O PP cambadés revelou que os colexios públicos de Castrelo, Corvillón, Enrique Barreiro, Antonio Magariños e San Tomé e as dúas escolas infantís da Modia e A Pastora están cheos de maleza, con caixas eléctricas sen tapar, fiestras rotas e xogos en mal estado, entre outros desperfectos, o que provoca que a súa situación estea moi alonxada da confortabilidade que merecen alumnos e profesores.

Neste senso, os populares responsabilizaron directamente ao concelleiro de Cultura e Ensino, o nacionalista Liso González, do que lembraron os seus tristes antecedentes nesta materia: “Antes do curso 2023 dixo que había que agardar á chegada de José Ramón Abal ao goberno en outubro para facer un cronograma de obras, o ano pasado non lle deron cartos e incluso pedíu desculpas publicamente ás comunidades educativas e nesta ocasión non sabemos que se lle ocorrerá, pero desde logo non é a xestión que merecen os cambados e máis cando é o responsable de que se perdera, por segundo ano consecutivo, o programa de conciliación ‘Xoubiñas’ deixando tiradas a 60 familias e perdendo de novo unha achega de case 100.000 euros concedida polo GALP Ría de Arousa”.

“Cando criticamos esta situación o pasado ano Liso González dicía que o PP facía “política lixo’, pero o lixo é o que se acumula ano tras ano nos colexios mentres as obras están se facer no que debe ser o ‘modelo BNG’ ou a ‘política Liso’ de Cambados”, concluíron.