O PP de Cambados esixe a máxima seguridade nas Aldeas de Nadal tras un accidente cun cativo e os problemas estruturais das casiñas

Cambados, 18 de decembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén de esixir a adopción de medidas de máxima seguridade nas Aldeas de Nadal, organizadas polo Concello, tras un accidente cun cativo -que se clavou unha punta que estaba á vista e sen rematar- na mesma xornada de inauguración e os problemas estruturais e de acabado que están a presentar varias das casiñas aos poucos días da súa estrea.

Os populares lamentaron o incidente co neno, ao que lle desexaron a súa pronta recuperación, e indicaron que dita situación obrigou ao precinto desta casiña, que aínda seguía pechada ao público na xornada de onte.

En todo caso, engadiron que non se trata dun problema puntual, xa que o estado xeral destas infraestruturas é malo, posto que nunha xa caeu unha fiestra, presentan parafusos á vista co conseguinte risco para os seus usuarios, que básicamente son os cativos, teñen malos acabados e case todas estanse desmontando cando apenas levan instaladas cinco días na contorna do Pazo do Torrado e nalgúns outros puntos da vila.

“Cando se fai unha instalación pública e máis cando vai orientada principalmente aos nenos hai que actuar con moita dilixencia e sendo moi escrupulosos coa seguridade, porque non é de recibo que un recinto orientado ao lecer e a pasar un bo rato poida acabar xerando unha desgraza ou algunha lesión grave”, indicou a voceira municipal, Sabela Fole.

Por iso, a concelleira do PP apelou á responsabilidade do cuatripartito no “suposto elemento estrela” do Nadal en Cambados que “como unha triste metáfora do estado do goberno e do Concello estase desplomando e caendo sen que ninguén lle poña remedio”. Así, lembrou que o proxecto das Aldeas de Nadal “é unha boa idea que se organizou de maneira errática, con anuncios e cancelacións e ao final fíxose ás présas coas consecuencias que estamos sufrindo todos”.

Finalmente, esixiulle ao goberno local que revise todas estas instalacións de xeito urxente e adopte as correspondentes medidas de seguridade para garantir o seu uso en condicións e lamentou unha “nova xestión errática” das concellerías de Somos Cambados, responsable desta iniciativa, “e que están dando unha auténtica lección de como non facer as cousas neste mandato que todos os cambadeses agardan que sexa o da súa despedida definitiva da política local”.