O PP de Cambados esixe “a máxima dilixencia” no próximo intento de reforma da cuberta do campo de fútbol de Burgáns para garantir a seguridade da instalación

Cambados, 8 de novembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén de esixir a “máxima dilixencia” no próximo intento de reforma da cuberta do campo de fútbol de Burgáns por parte do goberno cuatripartito tras o fracaso do intento anterior e considera que dita actuación debe ser considerada prioritaria para garantir a seguridade desta instalación deportiva.

Os populares lembraron que o estadio xa tiña que estar arranxado o pasado verán e que incluso contaba con financiamento da Deputación de Pontevedra, pero todo se viu abaixo porque o proxecto estaba mal redactado, xa que non contemplaba unha solución viable para as columnas e a empresa adxudicataria negouse a acomételo por cuestións de seguridade. Finalmente, o Concello admitíu os erros técnicos do proxecto e tivo que renunciar e adiar esta obra e, aínda por riba, indemnizar á firma contratada.

“O Concello de Cambados é a capital das cousas mal feitas, porque esta situación é inadmisible e non pasa en ningún outro sitio. A realidade é que o único que sucedeu é que se perdeu o tempo, se perderon cartos, o equipo vai seguir xogando nunha instalación en malas condicións malia que este ano volveu a Terceira e os desprendementos e desplomes da cuberta están á orde do día”, manifestou a voceira, Sabela Fole, que advertíu que as obras do novo proxecto, que se agarda que tamén sexan financiadas pola Deputación, non estarán listas antes do ano 2027 por toda a tramitación administrativa necesaria e a propia execución dos traballos “Iso si, sempre que desta volta o cuatripartito non volva a meter a pata, cousa que non desbotamos vistos os antecedentes, e que ademais ten custo para as arcas municipais agora que din que tanto necesitan os cartos”, apostillou a concelleira.

Por elo, Fole esixíulles aos membros do goberno local que “poñan os cinco sentidos” neste novo proceso “para non volver a facer o ridículo”, que tamén pasou coa cuberta do pavillón do Pombal, e solicitou que se redacte un proxecto acaído, que se fagan as tramitacións correctamente e que se vixile axeitadamente a execución dos traballos.

Neste senso, a voceira lamentou toda esta situación polo “enorme esforzo” que está a facer a directiva do clube, que se preocupou de ter o campo en condicións e conseguíu ascender ao equipo, “o que foi un motivo de orgullo para todo Cambados”, e fronte a elo sufre a xestión ineficaz do cuatripartito, que ten en malas condicións un recinto que nin sequera pode ser empregado pola federación agora que hai convocatoria da selección sub-17 e da que Cambados era unha sede habitual.