O PP de Cambados esixe á Concellería de Deportes que garanta o acceso ás instalacións deportivas municipais e cese na súa política de restriccións no emprego destes espazos

Cambados, 6 de decembro de 2025

O grupo municipal do PP de Cambados vén de esixirlle á Concellería de Deportes que garanta o acceso ás instalacións deportivas municipais dos deportistas e clubes con amplitude horario e coa máxima flexibilidade, “xa que son espazos de todos que deben poder ser empregados por todos e, dentro dunha orde, adaptándose as necesidades e tempo libre do que dispoña cadaquén”. Por iso, reclámanlle que cese na súa política de restriccións no emprego destes espazos e que opte por facilitar o uso dos mesmos no canto de poñer atrancos.

Os populares indicaron que os deportistas que representan a Cambados, especialmente os profesionais, deben poder empregar estes recintos con amplitude horario, ben coa presenza dun traballador municipal no acceso ou, fóra do seu horario, cun acceso directo por parte dos usuarios como se fixo sempre e como se fai en todos os concellos. Esta denuncia do PP cambadés xurde a raíz da retirada da chave da pista de atletismo, por parte da citada concellería, a un deportista local que deste xeito podía empregar a instalación con liberdade horario e sen supoñer ningunha carga para o Concello.

“Non pasa absolutamente nada porque un deportista, e máis a certo nivel, poida acceder directamente ás instalacións deportivas para os seus adestramentos e non se entende esta especie de veto porque precisamente esta xente é a que máis coida a instalación. Pero despois disto, ante calquer éxito, xa quererán aparecer a concelleira e os membros do cuatripartito a facerse unha foto como se o triunfo fora deles cando non fan máis que entorpecer e empeorar cada día a vida dos veciños”, sinalou a voceira municipal, Sabela Fole.

A concelleira popular, que vai pedir explicacións sobre estas novas medidas restritivas da área de Deportes e vai reclamar amplitude horaria e facilidades para o uso das instalacións a prol de todos os clubes e deportistas locais, lamentou este novo episodio da “errática xestión” da Concello de Deportes, “que posiblemente teña o peor bagaxe dentro do cuatripartito e iso que é difícil porque todos están facendo tristemente moitos méritos nesta desfeita global”. Así, lembrou os constantes fallidos investimentos e perdas de fondos para mellorar as instalacións, como o campo de Burgáns ou o pavillón do Pombal, a polémica polo veto ao emprego do polideportivo por parte do Xuven por coincidir coa Gala do Deporte e para obrigar á asistencia á mesma ou o escándalo na concesión de axudas municipais aos clubes do ano pasado, beneficiando á entidade á que estivo vencellada a concelleira e que tivo que ser rectificada.