O PP de Cambados denuncia que os parques infantís están sumidos no abandono con numerosos desperfectos e pide o seu arranxo inmediato ante o risco de accidente
Cambados, 20 de setembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cambados vén de denunciar que a práctica totalidade dos parques infantís do concello están sumidos nun estado de total abandono, xa que presentan numerosos desperfectos e eivas, polo que lle reclama ao goberno cuatripartito que proceda ao seu arranxo inmediato ante o evidente risco de accidente.
Os populares cren que as condicións que presentan estes recintos de xogos confirman que levan moitos anos sen recibir o axeitado mantemento e a adopción das necesarias reparacións e advirten de que o seu deterioro e degradación pon en perigo aos cativos usuarios, “xa que hai moitos elementos inestables, mal ancorados, con ferruxe ou en risco de rotura que poden causar unha desgraza”.
Paralelamente, o PP cambadés tamén se referíu ao parque infantil de Torrado, que está nas mesmas pésimas condicións e vai ser arranxado en breve prazo no marco dunha obra que se prolongará por espazo dun ano e que tamén inclúe o acondicionamento do edificio grazas a unha achega da Deputación de Pontevedra de 593.982 euros ao abeiro do Plan Extra.
Neste senso, os populares, que teñen recibido nas últimas semanas decenas de queixas por parte dos pais e nais de moitos nenos que empregan esta céntrica instalación, solicitan que se adopten medidas provisionais de seguridade ou que se proceda á súa clausura –dado que o arranxo está máis ou menos próximo– para evitar un accidente e que, como xa se dixo, se reparen os restantes para que os cativos dispoñan de alternativas ante o peche deste recinto.
Respecto á situación xeral dos parques, o PP revela que practicamente todos presentan táboas podridas, elementos de xogos que non están firmes e abanean polo deterioro do seu acoramento, a falta de elementos nos mesmos, que o solo se atopa en moi malas condicións sen agarre e con numerosas fendas, que hai xogos rotos e con algúns dos seus materiais cheos de ferruxe e cunha constante presenza de suciedade.
Ante esta situación, a voceira municipal, Sabela Fole, lamentou a “total desatención” por parte do goberno municipal dunha prestación básica para os nenos e que ademais é moi empregada fóra do horario lectivo. “É inadmisible que os parques estean nestas condicións, xa que o risco de accidente é alto, pero é que ademais estas instalacións ofrecen unha moi mala imaxe da nosa vila”, manifestou a concelleira popular.
Por elo, a edil do PP reclamoulle ao cuatripartito que comece a atender de inmediato as súas obrigas e deixe de agocharse detrás das súas habituais excusas, porque a degradación á que teñen sometida á nosa vila “está a provocar que o concello caia a cachos e todo estea en situación de derrubo”.