O PP de Cambados denuncia problemas nos colexios públicos neste inicio de curso escolar pola falta do axeitado mantemento municipal por cuarto ano consecutivo

Cambados, 10 de setembro de 2026

O grupo municipal do PP de Cambados vén de denunciar a reiteración de problemas nos colexios públicos neste inicio de curso escolar e que veñen derivados da falta do axeitado mantemento municipal por cuarto ano consecutivo.

“Os colexios de Cambados, malia os investimentos potentes e constantes que está a facer a Xunta, o derradeiro no San Tomé cun millón de euros, están a sufrir eivas e deficiencias en cada inicio de curso escolar polo abandono absoluto ao que se ven sometidos polo goberno tripartito de Samuel Lago, xa que non acometen as labores de mantemento e conservación que hai que lembrar que son da súa exclusiva competencia”, lamentou a voceira municipal, Sabela Fole, que lembrou que esta triste situación leva repetíndose durante todo o presente mandato.

Así, os populares revelaron que na Escola de Educación Infantil (EEI) A Pastora estanse coando ratas no seu subsolo pola falta de reixas na parte inferior do inmoble, polo que lle esixe ao goberno local que proceda de inmediato á súa reposición para coutar esta situación ao tempo que acomete unha inspección para radicar a súa presenza en aras da salubridade da comunidade educativa.

Ademais, outro dos grandes problemas detectados neste inicio de curso sitúase no CEIP San Tome, que ten varias luminarias das aulas superiores fundidas desde o verán froito dunha avaría e segue agardando a que o Concello proceda á súa subtitución. Cómpre lembrar que un problema de tensión provocou que se estropeasen bombillas, parte da instalación eléctrica e ordenadores e, dado que o seguro non asumíu a súa reparación, seguen sen funcionar malia tratarse dunha cuestión do mantemento municipal.

Ante esta situación, Sabela Fole calificou un ano máis de inaceptable a desatención habitual que o multipartito ten cos colexios públicos malia que é da súa responsabilidade e lembrou que incluso hai tres anos o concelleiro de Educación, Liso González, pedíu desculpas públicas polos moitos problemas que tiñan os centros no inicio do curso. “Antes dicían que non chegaban ao mantemento porque non había cartos, pero agora xa non sabemos cal será a excusa, pero o que deben facer é pedir menos perdón e dar máis solucións”, reclamou a concelleira popular.