O PP de Cambados denuncia o “total abandono” do campo de Burgáns e do pavillón do Pombal e o agravamento do seu estado tras perder 152.000 euros para o seu arranxo
Cambados, 24 de outubro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cambados vén de denunciar o “total abandono” das instalacións deportivas, e principalmente do campo de fútbol de Burgáns e do pavillón do Pombal, xa que levan anos agardando polos seus necesarios cambios de cuberta mentres o seu estado se agrava rapidamente sen que o goberno cuatripartito sexa quen de acometer estas actuacións, que se volven a retrasar sine die despois de que se perderan 152.000 euros en senllas axudas da Deputación de Pontevedra.
“Isto é un absoluto desastre”, lamentaron os populares, que lembraron que “chove sobre mollado” posto que o goberno local perde anualmente centos de miles de euros en achegas doutras administracións pola súa “ineficacia absoluta” para contratar, executar ou xustificar as obras “e todo isto págano, con graves consecuencias, todos os cambadeses, que ven como os servizos, os equipamentos e as infraestruturas municipais se deterioran sen remedio. “Poden botarlle a culpa a Xunta ou ao empedrado, pero todo isto que sufrimos é pola exclusiva mala xestión do cuatripartito”, sinalaron desde o PP.
A formación liderada por Sabela Fole explicou que o Campo de Burgáns comezou a dar problemas hai algo máis de cinco anos, pero o goberno liderado polos socialistas non fixo ningunha actuación de mantemento en todo este tempo ata que hai uns poucos días houbo caídas de cascallos e ferros que motivaron o peche parcial do gradarío de Tribuna.
O PP indicou que o campo se atopa “nun estado moi preocupante que pon en risco a seguridade” de espectadores e deportistas e “semellaba que desta volta se ía arranxar grazas aos fondos da Deputación, xa que incluso a obra estaba contratada en marzo, pero non foron quen de cumprir e todo elo co agravante de que os cartos vanse perder porque teñen que indemnizar á adxudicataria”.
Por outra banda, no caso do pavillón municipal do Pombal tamén se ía producir ao necesario cambio da cuberta cunha achega de 87.000 euros do Plan Especial de Infraestruturas Deportivas (PEID) do organismo provincial, pero tiveron que renunciar porque non podían cumprir cos prazos de xustificación e agora está tentando, desesperada e infructuosamente, cambiar o destino dos cartos á compra de material deportiva, “pero non se pode porque está prohibido nas bases, así que as obras seguen sen facerse e o diñeiro tírase polo sumidoiro”.
“Estas obras deportivas son necesarias e levan anos sen facelas ou ben por falta de fondos ou, cando se conseguen, pola súa incapacidade e agora temos que aguantar, ademais duns retrasos intolerables admitidos por eles mesmos, que nos anuncien que se reactivan estes proxectos cando non lles cre ninguén porque a credibilidade deste goberno é nula”, sinalaron desde o PP, que agardan que non se produza ningún accidente e que o cuatripartito, alomenos, tome as medidas de seguridade oportunas.