O PP de Cambados denuncia o serio risco de cancelación do programa de conciliación “Xoubiña” por segundo ano pola mala xestión tras recibir unha axuda de 96.000 euros
Cambados, 28 de agosto de 2025
O grupo municipal do PP de Cambados vén de denunciar o serio risco de que o Concello teña que renunciar, por segundo ano consecutivo, ao programa de conciliación “Xoubiña” como consecuencia da mala xestión do cuatripartito, que é incapaz de executar os proxectos como fan os demais municipios, e lamentou a posible perda dunha axuda de 96.221 euros para esta iniciativa concedida o pasado 1 de agosto polo GALP Ría de Arousa.
Ante esta situación reiterada con erros na tramitación e o proxecto e o novo prexuízo para as familias de Cambados, os populares veñen de solicitar, en caso de confirmarse a cancelación, a depuración de responsabilidades políticos a causa dunha iniciativa impulsada polo concelleiro do BNG e responsable de Ensino e Cultura, Liso González. “Pode entenderse que algunha vez non se poida executar algún proxecto subvencionado por cuestións administrativas, aínda que Cambados ten o triste récord provincial en perdas de axudas, pero se o erro é reiterado queda demostrado que as persoas encargadas non serven para isto e teñen que asumir a súa propia incompetencia”, sosteñen.
Polo momento, a renuncia ao desenvolvemento desta actividade de conciliación aínda non é definitiva, malia que desde o Concello están a chamar nestes días ás decenas de pais e nais afectados alertando da supresión da mesma. En todo caso, desde o PP indicaron que tanto o Concello como o GALP están tratando de arranxar contrarreloxio as moitas deficiencias do proxecto, os prazos, o orzamento e outras cuestión burocráticas.
Cómpre sinalar que, o pasado ano, o GALP concedeulle ao Concello de Cambados unha achega de 98.000 euros para ofrecer este programa de conciliación vencellado ao sector do mar, que era gratuíto para os usuarios e contaba con 60 prazas. Sen embargo, no mes de decembro de 2024, Liso González anunciaba a renuncia ao mesmo e a esta subvención, xa que consideraba inviable xustificalo en prazo “por un cúmulo de circunstancias” e non quería arriscarse a ter que pagalo con fondos propios pola mala situación das contas do Concello “que lamentablemente lastra todas as accións municipais”. Iso si, tamén adiantaba que a súa intención era desenvolvelo en próximas convocatorias, posto que consideraba que se trataba dunha iniciativa moi interesante e que estaba moi ben traballada.
Con estes precedentes, o Concello de Cambados concorreu á nova convocatoria 2025-2026 do GALP e o pasado 1 de agosto recibíu a concesión dunha achega de 96.221 euros que, en principio, cubría o 100% do custe para atender a 60 cativos de 3 a 12 anos de xeito gratuíto durante 16 meses -ata finais de outubro de 2026- facilitando a vida familiar e laboral dos participantes e os seus proxenitores. Sen embargo, agora mesmo o Concello vese de novo incapaz de executar este proxecto e a súa celebración vai camiño da cancelación.
“Se se confirma a suspensión estamos ante unha nova oportunidade perdida e unha demostración, aínda que finalmente se salve in extremis, de que quen non está preparado para gobernar prexudica unha e outra vez aos veciños e non é capaz de ofrecer os servizos que merecen os cambadeses. Estamos ante un goberno que se desploma máis cada día e que xera un clima insoportable de decadencia no Concello. Está claro que Liso González tivo boas palabras, pero nulas accións, porque o seu suposto propósito de enmenda do ano pasado só servíu para levarnos ao mesmo sitio nesta ocasión, a ningures”, concluíron desde o PP de Cambados.