O PP de Cambados denuncia o incremento da inseguridade viaria e cidadá polos recurtes e desmantelamento da Policía Local

Cambados, 15 de abril de 2026.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén de denunciar a situación de insostibilidade que sufre o concello polo incremento da inseguridade viaria e cidadá froito dos recurtes e do desmantelamento da Policía Local por parte do cuatripartito e que sufren outro deterioro máis coa inoperatividade plena do servizo de grúa.

Os populares indicaron que, desde hai meses, os problemas se acrecentan neste corpo de seguridade como consecuencia das medidas adoptadas polo goberno de Samuel Lago para “economizar” froito da mala xestión económica que ten as arcas municipais en números vermellos.

Así, lembraron que a falta de fondos provoca que non haxa combustible para os vehículos de patrulla e que as saídas motorizadas só se poidan facer cando se reciban requerimentos expresos dos cidadáns, tendo que manterse os axentes nas súas dependencias durante toda a súa xornada laboral.

Ademais, os populares tamén alertaron do estado “lamentable” do parque móbil da Policía Local, con vehículos en mal estado, con problemas mecánicos recurrentes e falta de fiabilidade e, de feito, revelaron que recentemente as patrullas tiveron que realizar servizos cun vehículo de emerxencias cedido por Protección Civil ao estar avaríados os dous coches patrulla.

Tamén denunciaron o problema da falta de persoal malia recente convocatoria de dúas prazas que califican de “insuficiente”, posto que lembran que hai vinte anos Cambados contaba con 15 axentes e dous mandos e na actualidade a cifra de efectivos reducíuse a só 11, ao que hai que engadir a marcha doutro por mobilidade, un permiso especial por conciliación e unha próxima conciliación.

Outra das queixas da veciñanza, e advertida pola propia Policía Local en informes que obran en poder do goberno local, radica na pésima sinalización viaria, tanto vertical como horizontal, en numerosas rúas pola falta de mantemento, que supón unha carencia que xera riscos para a seguridade de condutores e peóns.

E a toda esta situación vén de sumarse a falta de servizo de grúa, que só opera en horario de mañá en xornadas laborables, máis os sábados en concepto de horas extra por ser día de mercado, tras a xubilación dun dos dous condutores. Isto motiva que os vehículos aparcados irregularmente sexan simplemente inmobilizados, malia que non sexa unha solución efectiva nin operativo cando se estaciona diante dun garaxe con vado.

“Estamos ante unha situación insostible implantada exclusivamente para economizar nun servizo no que cada euro que se aforra provoca un risco para os cambadeses. Estamos ante decisións que alteran o normal funcionamento do noso concello e que confirman tristemente o deterioro que sufrimos nos servizos máis básicos”, aseverou a voceira municipal, Sabela Fole.