O PP de Cambados denuncia o estado de total abandono das pistas de Oubiña e esixe unha roza urxente, xa que ademais increméntase moito o seu tráfico durante a vendima
Cambados, 3 de setembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cambados vén de denunciar o estado de total abandono das pistas municipais da parroquia de Oubiña, principalmente das resultantes do proceso de concentración parcelaria, polo que esixe ao goberno cuatripartito que acometa unha roza de xeito urxente, posto que ademais estas vías -xa con moito tráfico pola súa proximidade co polígono de Sete Pías e que conectan co de Tremoedo- incrementan aínda máis o volume de vehículos durante a época de vendima recén comezada.
Os populares concretaron que o principal problema destas estradas de titularidade local radica na maleza e na vexetación, que adquiríu unhas dimensións enormes froito de moitos meses de abandono e deixación por parte do executivo municipal. De feito, nalgúns puntos as ramas practicamente se tocan dunha beiravía ata a outro cruzando toda a calzada, o que dificulta a visibilidade e a circulación.
O PP cambadés concretou que o estado do firme non se atopa en boas condicións, con moitos treitos en terra, pero o principal problema radica na falta de roza durante moito tempo e o tamaño da vexetación, así como a presenza de lixo ou residuos dificultando o tráfico fluído e seguro.
“Sen entrara na mellorable situación da capa de rodadura, é lamentable que as plataformas apenas teñan, na maior parte dos treitos, zonas transitables de apenas 1,5 metros de anchura, o que aumenta moito o risco de sinistralidade, especialmente nesta época na que por elas circulan moitos camións e furgonetas froito dos traballos propios da recollida da uva”, explicou a voceira municipal, Sabela Fole.
Ante esta situación, e tras recibir queixas dos veciños e de empresarios e traballadores do sector da vide, a concelleira popular instou ao goberno cuatripartito a realizar unha roza e limpeza inmediatas e a fondo para facilitar o tráfico en óptimas condicións de seguridade e tamén o traslado da uva recollida nestes datas minimizando o risco de accidente.