O PP de Cambados denuncia o desbordamento de fecais na zona da Balsiña, que se ve agravado pola decisión do cuatripartito de anular o bombeo da contorna para aforrar
Cambados, 20 de decembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cambados vén de denunciar o desbordamento de fecais na zona da Balsiña, na parroquia de Oubiña, que están a percorrer o río, as fincas e a estrada deste lugar cun cheiro insoportable. Os populares indicaron que se trata dun problema histórico pero que se veu agravado pola decisión do cuatripartito de anular o bombeo para aforrar nunha mostra máis dos recurtes que están a adoptar ao longo destes anos.
Os populares revelaron que, desde o pasado xoves, a rotura dunha tubaría da rede de saneamento está a provocar o esparcemento de restos fecais por esta zona e indicaron que esta situación complicouse desde que Samuel Lago, entón edil de Obras, decidíu anular o bombeo malia que a empresa axudicataria da xestión do servizo lle advertíu de que era un erro que ía agravar as consecuencias.
Neste senso, o PP cambadés lembrou que hai catro anos preguntouse no pleno sobre esta situación e o propio rexedor comunicou que xa había un proxecto, pero non se executou en todo este tempo e a situación nesta zona de Oubiña “é totalmente insostible e afecta gravemente tanto ao medio ambiente como á saúde pública dos veciños”.
“A rede non ten capacidade e, en momentos de choiva como estes días, desbórdase, pero é claro que a falta do bombeo provoca un colapso maior e empeora a situación, o cal xera unha responsabilidade directa da mesma no alcalde e no cuatripartito. Tiveron tempo de sobra para buscar unha solución, pero entre a falta de gañas de traballar e a falta de diñeiro a situación segue sen resolverse”, lamentou a voceira municipal, Sabela Fole.
A edil do PP destacou que estamos ante “unha situación de emerxencia” cun servizo básico e municipal como é o saneamento e ademais recalcou que o esparcemento indiscriminados dos fecais pode afectar á saúde da xente e dos animais e ao estado do territorio, polo que reclamoulle ao cuatripartito que proceda a executar unha solución de xeito urxente.