O PP de Cambados denuncia o “colapso total” de Servizos Sociais pola falta de persoal e medios e alerta dos graves prexuízos para os veciños

Cambados, 16 de maio de 2026.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén de denunciar o “colapso total” que sufre o Departamento de Servizos Sociais pola falta de persoal –algo xa denunciado polos populares en reiteradas ocasións neste mandato– e de medios técnicos e alerta de que esta grave situación está a xerar importantes prexuízos para toda a poboación, pero que afecta especialmente á máis vulnerable do concello.

Os populares están a recibir nos últimos días moitas queixas de veciños e tamén teñen información dos bufetes e do sector xurídico da vila, xa que o procedemento de regularización extraordinaria de migrantes leva aparellada a emisión de informes por parte deste departamento que están a retrasarse ata o punto de que dubidan de que todos os estranxeiros poidan chegar a tempo para beneficiarse desta medida.

Pero en todo caso, todo este fluxo de información revela que esta área municipal ten ao persoal totalmente desbordado sen que se reforce por parte do Concello, “que leva todo o mandato prometendo máis traballadores, pero que leva tres anos sen facelo efectivo mentres o servizo se segue deteriorando ata extremos inadmisibles”.

Neste senso, o PP local informou de que, á elevada demanda de informes de vulnerabilidade no marco da citada regularización, hai que engadir problemas, por falta de tempo, para atender os informes requeridos polos xulgados e outras administracións, as demandas diarias dos cambadeses e, agora tamén, a apertura de prazo para a solicitude da tarxeta de alimentos do Programa Básico de Axuda Alimentaria financiado con fondos europeos, que tamén require dunha valoración previa deste departamento.

“Estamos ante un atasco burocrático sen saída e de dimensións considerables polo abandono ao que o cuatripartito someteu estes anos a Servizos Sociais. O persoal está a facer imposible, pero está desbordado, porque teñen que atender á xente e ademais o papeleo e os informes que supoñen un traballo previo”, manifestou a voceira municipal, Sabela Fole, que tamén denunciou, segundo lle trasladaron numerosos veciños, que non se concede cita previa. Nestes casos, informáselle ao cidadán de que se lle chamará cando haxa un oco sen ningunha previsión de data nin garantía, “o cal consideramos lamentable e inadmisible nun concello de 14.000 habitantes que manexa máis de 10 millóns de euros anuais”.

Fole indicou que estes problemas esténdense a case todos os departamentos, incluíndo o peche en ocasións do Rexistro por sobrecarga de traballo, pero focalizou o principal problema en Servizos Sociais, “posto que aínda que é unha mágoa que o noso Concello estea, en termos xerais, nesta situación, o caso da concellería social é o máis grave, posto que é a onde acuden os cambadeses que precisan dunha maior axuda”.