O PP de Cambados denuncia o absoluto estado de abandono da Praza de Abastos con situacións de insalubridade pola falta de conservación por parte do Concello

Cambados, 14 de marzo de 2026.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén d denunciar o absoluto estado de abandono da Praza de Abastos con moitas eivas, deficiencias e ata situacións evidentes de insalubridade que están a provocar unha importante fuga de clientes. Ante esta situación, os populares reclaman ao goberno local a subsanación de todas estas circunstancias, a realización periódica do necesario mantemento tras anos sen facelo e, por suposto, a execución dun amplo proxecto de reforma integral que levan once anos adiando sen visos de que vaia ser unha realidade.

“O noso mercado, pola construción que é, polo que significa e por onde está emprazado, tiña que ser a referenza comercial dunha vila mariñeira como Cambados, con especial fincapé nos postos de peixe, pero a realidade é que está nun estado impropio e indigno para os vendedores, os clientes e para o pobo”, lamentou a voceira municipal, Sabela Fole.

Así, desde a formación popular concretaron que esta instalación está chea de suciedade, con moitos elementos rotos, ferruxe en numerosos espazos, falta de auga quente necesaria para os establecementos e da que se carece pola falta de fondos municipios, portas que non se repoñen e un deterior xeralizado.

“Hai un ano caeu unha porta acristalada, que estivo a piques de provocar unha desgraza pola proximidade dunha persoa, e segue sen colocarse, hai zonas con manchas de pota que dan unha imaxe e un cheiro insoportable, as deficiencias da instalación con falta de portas herméticas e dado que se trata dun recinto de venda de comida fresca provoca a presenza de moscas nas épocas de calor, os postos están cada vez máis baleiros tras a xubilación duns seis peixeiros e a falta de licitación dos mesmos por parte do Concello mentres a piso superior é un deserto, a imaxe é paupérrima e os clientes lamentan o seu estado”, detallou a concelleira.

Sabela Fole, que lamentou que o goberno se escude nunha futura reforma do mercado que nunca chega para non licitar de novo os postos de peixe e os exteriores que espertan interese, engadíu ademais que, cunha boa xestión, a propia praza pode ser unha fonte de ingresos municipais “cuxa ausencia tanto lamenta o goberno local” a través dos canons destes espazos de venda.

Finalmente, a voceira popular lamentou, xa non a incapacidade de sacar adiante un proxecto para unha reforma ambiciosa, senón a inacción para acometer un mínimo mantemento por parte do cuatripartito, o que provoca que “estea deixando morrer a praza”. Así mesmo, tamén criticou os constantes recurtes na contía prevista para a súa modernización, xa que reduciron o investimento de 3 millóns de euros a só 400.000, “malia que estas obras nunca chegan e todo Cambados dubida moito de que sexan capaces de facelas”.