O PP de Cambados denuncia graves deficiencias na piscina municipal cuberta pola evidente falta de mantemento e esixe a súa reparación inmediata

Cambados, 7 de marzo de 2026.

O grupo municipal do PP de Cambados vén de denunciar a existencia de graves deficiencias na piscina municipal cuberta pola evidente falta de mantemento por parte do Concello nos últimos anos e esixe a súa reparación inmediata para que recupere a situación de confortabilidade e presente as condicións adecuadas para os seus centos de usuarios.

Os populares revelaron que esta instalación acuática presenta grandes zonas de humidades en paredes e teitos, desconchamento de pintura que outorga unha mala imaxe e unha sensación de insalubridade, fendas de gran tamaño nas paredes que poderían xerar situacións de risco por un derrubamento, falta de rodapés en moitos puntos, corrosión avanzada nas vigas metálicas e signos de ferruxe en diversas zonas do recinto.

“Estamos ante unha nova e triste situación do que padecemos en Cambados, onde non hai nin cartos nin xestión para farolas, para tapar os baches das rúas, para bolsas nas papeleiras do lixo, para contedores, para combustible dos vehículos municipais e, por suposto, tampouco para o mantemento axeitado dos edificios municipais, que presentan un estado de abandono indigno de Cambados e do século XXI”, lamentou a voceira popular, Sabela Fole, que cre que todo isto é froito dun “goberno totalmente superado polos acontecementos” que non sabe como solucionar todos os moitos problemas xerados “nestes once infaustos anos”.

A concelleira do PP lembrou que, hai exactamente dous anos, a súa formación xa alertou dos importantes problemas construtivos e de equipamentos que presentaba esta piscina cuberta con eivas nos espazos, os aseos, as portas ou as tubaxes malia ser un recinto novo que, daquela, apenas contaba con cinco anos de existencia. Sen embargo, o goberno cuatripartito “non fixo absolutamente nada por solucionar” aquelas deficiencias e, aínda por riba, agravou o estado de recinto polo nulo investimento con tarefas de conservación e mantemento.

Finalmente, Sabela Fole lembrou que a piscina municipal é o “lamentable exemplo perfecto” da xestión dos gobernos de esquerdas en Cambados, xa que tivo unha mala execución na súa construción da que son responsables pola falta de supervisión e control, presentou problemas desde o principio pola modificación do proxecto aprobada por eles mesmos e agora “comeza a caer a cachos como moitas instalacións deportivas” pola inexistente atención ao recinto.