O PP de Cambados denuncia a supresión das patrullas en coche da Policía Local pola falta de combustible do Concello tras deixar de surtir a empresa subministradora por impagos

Cambados, 1 de outubro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén de denunciar a grave situación que acaba de producirse na Policía Local pola supresión drástica e xeralizada das patrullas en coche, posto que o  Concello xa non ten combustible e ademais a empresa subministradora tomou a decisión de deixar de surtilo polos impagos da administración local.

Os populares revelaron que os axentes atopáronse coa sorpresa de que non podía repostar os coches do seu servizo pola falta de gasóleo e tamén que non había data de previsión da súa reposición por parte do camión cisterna, xa que a firma encargada négase a entregar novos pedidos polos enormes retrasos no abono das facturas mentres o goberno local está a negociar con outras empresas a entrega de combustible “aínda que parece difícil, dada a situación económica, que algunha se aveña a facelo sen saber cando vai cobrar”.

Ante esta situación, o PP cambadés indicou que os axentes son obrigados a facer exclusivamente patrullas a pé e limitar as saídas nos vehículos ao “mínimo imprescindible”, polo que non poden acudir nos mesmos cando son requeridos polos cidadáns e só poden empregalos en caso dunha incidencia de suma gravidade.

“É moi triste que aos nosos policías, ante esta dramática situación, se lles limite a dar como orde ‘hai que andar’ mentres o concelleiro José Ramón Abal, responsable desta situación, busca á desesperada unha empresa de gasóleo ao meterlle estes pufos sine die”, lamentou a voceira, Sabela Fole.

A concelleira popular reclamoulle ao cuatripartito que priorice os pagos “porque sabemos que os poucos cartos que hai gástanse en cuestións cando menos extravagantes” e que abone as facturas de gasóleo para poder utilizar de novo os coches da Policía Local, “xa que a actual situación supón, ademais dun ridículo espantoso, un recurte en toda regra ao minguar a sensación de seguridade cidadá e incrementar a desatención aos veciños”.

“É a primeira vez na historia da democracia que esta situación esperpéntica se produce en Cambados, aínda que tristemente xa nada nos sorprende do noso goberno cuatripartito. Pero isto supón unha merma total e absoluta dos servizos municipais, ademais nun que é básico como o da Policía Local”, aseverou Fole, que expresou o seu temor que este problema de desabastecemento de combustible se extenda a outras áreas municipais, como Obras.