O PP de Cambados critica o aprazamento do proxecto da Praza de Abastos por falta de fondos tras unha década de trámites de Costas e Portas e lamenta a xestión do cuatripartito

Cambados, 25 de outubro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén de criticar que o goberno local aprazase a redacción do proxecto para a reforma integral da Praza de Abastos por falta de fondos, como admitiron eles mesmos, xa que considera que non é de recibo que haxa máis retrasos, e máis por unha incompetencia propia do Concello, despois dunha década agardando pola complexa tramitación administrativa de Costas do Estado e de Portos de Galicia para poder aprobar o Plan Especial de Ordenación Portuaria de Tragove e San Tomé.

Os populares indicaron que este proceso foi tremendamente laborioso e, aínda que se fixo longo para todos, pode chegar a entenderse pola necesidade de ser moi celoso á hora de protexer a costa, o litoral e o mar de Cambados. Pero en todo caso, consideraron “inadmisible” que o cuatripartito non tivese todo listo e preparado para poder arrancar canto antes cun proxecto desexado por todos os cambadeses tan pronto como se puidese aprobar o citado plan especial.

O PP local considera que todo isto débese exclusivamente á “mala xestión, especialmente no ámbito económico, e falta de previsión” do goberno municipal por non dispoñer dunha partida para a redacción do proxecto e tampouco de fondos nalgunha outra que non se fose utilizar para poder destinalo a esta importante actuación. “Teñen tan esquilmadas as arcas municipais que non hai diñeiro para nada, pero se realmente o proxecto é tan ansiado como di o alcalde, habería que ter diñeiro preparado e previsión, pero iso son dúas cuestións das que adoece este goberno”, sinalaron desde o PP, que cren que o rexedor “cae no absoluto ridículo” cando admite que non hai diñeiro “porque non estamos a falar dun gran investimento nin de centos de miles de euros, pero a isto abocaron ao noso Concello”.

Finalmente, os populares están convencidos de que a reforma da Praza de Abastos nunca se executará cun goberno multipartito de esquerdas, xa que carecen de capacidade de xestión propia para conseguir os cartos e tamén de habilidades de negociación para acadalos doutras administracións: “Todo Cambados sabe que esta obra nunca será unha realidade con este goberno porque se non dan executado os proxectos para os que lles conceden axudas, como Burgáns, O Pombal ou Torrado, que a ver se desta vai grazas á Deputación, entre moitos outros, non van ser capaces de sacar adiante a praza porque non teñen un euro así que lle veñen moi ben estes adiamentos para seguir perdendo o tempo aínda máis e desesperando aos cambadeses”.

O PP, que xa non quere entrar non recurte do proxecto para limitalo a unha reforma ampla, tamén lle afearon ao executivo todas as críticas que verteu polos retrasos na tramitación do plan especial “sobre todo coa Xunta, porque con Costas, como era do seu partido, eran moito máis mansos malia que foi o principal responsable” e que agora eles sexan os causantes dun novo adiamento “por algo que non ten perdón, como é non ter cartos nin previsión”. “Estamos agardando que empezan a criticarse a si mesmos por este retraso”, ironizaron.