O PP de Cambados cre que a paralización da licitación do Pazo de Torrado retrata a un goberno “incapaz e superado” que non saca adiante ningún dos proxectos estratéxicos
Cambados, 29 de novembro de 2025
O grupo municipal do PP de Cambados vén de valorar moi negativamente a paralización do proceso de licitación do Pazo de Torrado apenas uns días despois de que se abrirá esta fase de contratación pola existencia de problemas técnicos no prego e considera que esta situación, reiterada e constante en moitas iniciativas, retrata a un goberno cuatripartito “totalmente incapaz e completamente superado” que non é capaz de sacar adiante ningún dos proxectos estratéxicos.
Os populares considera que esta deficiencia na licitación da necesaria obra de rehabilitación deste emblemático inmoble, “ao que levan anos deixando caer a cachos”, é inadmisible, xa que volverá a frear esta actuación ata que se proceda á súa subsanación. Cómpre lembrar que o expediente contiña un erro na clasificación esixida ás empresas licitadoras que provocará un novo adiamento na contratación e comezo dos traballos, posto que todo o proceso vén de quedar detido ata que se acometa a súa corrección.
A formación liderada por Sabela Fole valorou a paciencia das distintas administracións co Concello de Cambados malia que todos os proxectos presentan atrancos pola xestión municipal, xa que lle conceden unha vez tras outras fondos, prórrogas e todas as facilidades para acometelos.
Neste caso, o Pazo de Torrado financiarase integramente cunha achega de 791.976 euros da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Extra “se finalmente o cuatripartito é quen de levala a bo porto”, pero este novo revés non é ningunha novidade do día a día de Cambados, xa que se enmarca na “continuada política de fracasos” tras os recentes problemas cos proxectos para o campo de Burgáns, do que tiveron que desistir pola mala redacción do proxecto e incluso indemnizar á adxudicataria, ou o cambio de cuberta do pavillón do Pombal, que non se pode acometer pola falta de permisos.
“A xestión do cuatripartito de Cambados é insoportable para os veciños, aos que non atenden axeitadamente nin resolven os seus problemas do día a día e que tamén sufren os retrasos, as excusas e os problemas para disfrutar das grandes actuacións que nos tentan pagar a Xunta e a Deputación e que, pola ineficacia do goberno local, nunca chegan”, manifestou Sabela Fole, que lembrou que hai uns días reclamaba a “máxima dilixencia” na nova licitación do campo de fútbol, “pero que, visto o visto, podemos estendela a absolutamente todos os proxectos”.
Finalmente, lembrou que os cambadeses levan unha década, que é o tempo no que o Concello leva dirixido por multipartitos de esquerdas, agardando por pola execución de proxectos imprescindibles, como a Praza de Abastos, o cuartel da Garda Civil, a Casa do Mar, a antiga Cámara Agraria, o Museo do Viño, o Muíño das Mareas ou estes citados do Pazo de Torrado, o campo de Burgáns e o pavillón do Pombal.