O PP de Cambados censura outra “nefasta xestión política e económica” por mercar unha minipala malia carecer de condutor e renunciar á reforma da Praza de Rodas

Cambados, 5 de xuño de 2026

O grupo municipal do PP de Cambados vén de censurar unha nova “xestión política e económica” do goberno cuatripartito por renunciar a acometer a reforma da Praza de Rodas cunha axuda da Deputación e por reorientar estes cartos a mercar unha minipala para rozas malia que o Concello carece dun condutor para realizar estes traballos con esta maquinaria.

Os populares cren que esta operación “carece de todo sentido”, posto que executivo de Samuel Lago vai adquirir unha minipala malia que hai anos, no primeiro mandato do multipartito, cedeu dúas máquinas similares á Mancomunidade do Salnés por non dispoñer de persoal capacitado para o seu manexo, que é un problema que se mantén na actualidade.

E esta situación vai provocar, como acontece neste momento co tractor municipal, que haxa que contratar a unha empresa externa para que envíe a un condutor que poida utilizala, algo que ademais é irregular posto que a maquinaria municipal só pode ser manexada por persoal propio. A maiores, o Concello segue sen recurrir á bolsa de emprego que ten habilitada para este praza, preferindo optar por unha firma allea e incrementando os custes.

“Agasallamos á mancomunidade con dúas palas por non ter que as conduza e agora, coa mesma situación, pois mercamos outra máis tendo que recurrir a unha contratación externa co conseguinte incremento do gasto pese a pésima situación económica da que tanto se laian desde o goberno e que só é culpa súa. Estamos ante o perfecto exemplo da nefasta xestión que sufrimos en Cambados”, manifestou a voceira municipal, Sabela Fole, que reclama que este servizo básico de limpeza e rozas sexa cuberto cun condutor propio para evitar todos estes problemas e gastos. “O que fan é triste, irregular e ineficiente”, aseverou.

Por outra banda, e no marco desta operación municipal, Sabela Fole tamén lamentou que o cuatripartito renunciar por segunda vez a unha axuda da Deputación para acometer a necesaria mellora da Praza de Rodas. Neste senso, lembrou que a primeira vez perdéronse os cartos “nunha xestión desastrosa” e desta volta cambiáronse de destino “para non facer outro ridículo” tras non ser quen de adiantar a obra e non interferir no verán -como pedían os hostaleiros- polos habituais problemas nas licitacións das obras.