O PP de Cambados apoia ao comercio por pechar este sábado pola Santa Mariña malia non ser festivo local e acusa ao cuatripartito de tratar de invisibilizar á patroa da vila

Cambados, 16 de xullo de 2026.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén de aplaudir a decisión maioritaria do comercio de pechar este sábado pola celebración da Santa Mariña, patroa da vila, malia non ser festivo local no presente ano e amosou o seu apoio a esta medida ao tempo que acusou ao cuatripartito encabezado por Samuel Lago de tratar de invisibilizar esta efeméride simplemente por ter un compoñente relixioso pese a que conta cunha fonda tradición e forma parte da identidade do concello.

Os populares revelaron que os comerciantes, que están a colgar carteis nos seus escaparates advertindo do peche deste sábado 18 de xullo por ser ‘festivo local’ na honra da Santa Mariña, e a sociedade civil cambadesa “deciden respectar moi maioritariamente as nosas tradición por riba da decisión ideolóxica e sectaria” do executivo municipal, que desbotou este festivo xustificándose na coincidencia cun sábado e optou polo Luns de Entroido que “sen deixar de ser una data importante non ten nin de lonxe o peso, o simbolismo e a importancia da nosa patroa”.

A formación liderada por Sabela Fole tamén advertíu da “incongruencia” do cuatripartito para descartar a Santa Mariña alegando que cadra en sábado e podería beneficiar a menos cambadeses, “xa que por este mesmo motivo tamén tiñan que cambiar o San Bieito, xa que o 11 de xullo deste ano tamén foi sábado, pero neste caso non foron tan valentes e confirman o seu intento de laminar á Santa Mariña das tradicións da vila”.

Ademais, os populares indicaron que o descarte da Santa Mariña como festivo local, ademais de chocar co sentimento da inmensa maioría dos cambadeses, causou un forte malestar entre os empregados e empregadas dos supermercados, que preferían dispoñer dunha data libre en sábado que calquer outro día da semana.

Finalmente, Sabela Fole garantíu que, cun goberno do PP a partires das eleccións municipais do vindeiro mes de maio, a Santa Mariña será sempre festivo local desde o ano 2028, xa que lembrou que os correspondentes ao ano 2027 serán decididos polo actual executivo tras o verán e ademais o 18 de xullo do próximo exercicio caerá en domingo.