O PP de Cambados anuncia o seu voto contra a proposta de suba do IBI nun 35% e augura que será rexeitada polo pleno “agás que Abal sexa un mentiroso, xa que prometeu baixalo ao mínimo”
Cambados, 28 de maio de 2025
O grupo municipal do PP de Cambados vén de anunciar o seu voto contra a proposta da suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI) nun 35%, que foi anunciada polo alcalde, Samuel Lago, para tratar de corrixir os números vermellos das contas do Concello, e augura que dita medida será rexeitada deste xeito pola maioría do pleno da corporación e non sairá adiante “agás que o edil José Ramón Abal sexa un completo mentiroso, xa que na campaña electoral prometeu baixar este tributo ao mínimo”.
A voceira municipal, Sabela Fole, sostén que este anuncio do rexedor, que xa veu acompañado de certos globos sonda nos meses anteriores, é a “saída fácil” que o cuatripartito de esquerdas “cun sablazo do 35% aos veciños” pretende dar á mala situación económica, con 1,6 millóns de euros en facturas impagadas ao peche do primeiro trimestre, saldos negativos en todos os parámetros e incumprimentos das regras fiscais.
Sen embargo, a edil popular considera que o estado das contas deriva exclusivamente da “mala xestión, dos gastos multiplicados por catro para satisfacer os egos e protagonismos dos catro partidos do goberno e os gastos superfluos, irregulares e sen procedemento -os da chamada conta 413-, polo que desde o PP nos imos opoñer rotundamente a esta suba estratosférica do IBI, xa que consideramos que os veciños non teñen que pagar os seus desmáns e que a solución pasa pola contención”.
A concelleira do PP cre que o propio alcalde “non ten claro” que a medida saia adiante, posto que leva meses amagando coa suba de impostos e taxas e incluso agora mesmo só estima un incremento do tipo do 0,46 actual ata un 0,62 –dos máis altos da provincia–, “pero non van ter o noso voto e vanse ter que poñer de acordo entre os catro, porque nós defendemos aos veciños e eles terán que defender as súas nóminas porque a este ritmo non vai haber con que pagalas”.
Desde o PP indicaron que o alcalde está ser prudente porque non ten os nove votos garantidos para sacala adiante, posto que lembraron que o punto 9 do programa electoral de Cambados Pode do ano 2023 recollía específicamente “Moderación de impostos e taxas municipais: baixada do Imposto de Bens Inmobles (IBI) de Urbana ao mínimo legal para reactivar a economía local”.
“José Ramón Abal non pode votar a favor desta suba tremenda do IBI agás que sexa un mentiroso e a súa palabra non valga absolutamente nada. Con respecto a isto, no PP temos a nosa propia opinión que non o deixa en moi bo lugar, pero, en beneficio dos veciños de Cambados, imos darlle o beneficio da dúbida”, sinalaron.
Mala xestión con 11 millóns de euros
Sabela Fole engadíu que agora comezarán as “excusas” do alcalde sobre os gastos do SAF e de materias que di que non son da súa competencia, “pero o informe é ben claro e fala do abuso dos gastos sen procedemento como foco do problema e non desas cuestións tras as que se agocha”.
Ademais, lembrou que o Concello de Cambados ten 11 millóns de euros de orzamento e é dos tres concellos máis pequenos da provincia, polo que ten que adicar moitos menos recursos que practicamente todos os demais municipios á rede viaria, saneamento rural, alumeado público ou recollida do lixo, “pero nin tendo esa vantaxe da menor superficie territorial son capaces de facer unha xestión minimanente boa e agora queren endosarlles os seus pufos aos veciños, algo que só será posible se Abal se convirte no gran mentiroso de Cambados”.