O PP de Cambados anuncia o seu rexeitamento ao proxecto de Orzamentos 2026 se inclúe novos recurtes como anunciou o alcalde tras anos de deterioro dos servizos municipais

Cambados, 21 de febreiro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Cambados vén de anunciar o seu rexeitamento ao proxecto de Orzamentos Municipais 2026 –que o cuatripartito asegura estar negociando cun montante de 11,6 millóns de euros– en caso de que inclúa unha nova remesa de recurtes, tal e como adiantou o alcalde, Samuel Lago, xa que cre que a situación actual é totalmente insostible tras anos de deterioro dos servizos públicos municipais e que non se pode afondar no deterioro dos mesmos cunhas contas “moi alonxadas do que precisan os veciños”.

Por iso, os populares instaron ao rexedor a acadar o apoio a este documento de todos os seus socios do cuatripartito, “non como pasou co estacazo que pretendía dar co IBI”, se quere sacar as contas adiante, xa que se se consuman os novos recurtes nos gastos ordinarios dos distintos departamentos e servizos municipais por importe duns 500.00 euros non vai ser apoiado polo PP: “O noso voto non vai servir para continuar con este clima de degradación”.

A voceira municipal, Sabela Fole, lembrou que nos últimos anos non hai cartos para cuestións básicas como bacheos ou limpeza e hai moitas dificultades sequera para pagar o combustible que permita que o departamento de Obras, a Policía Local ou Protección Civil fagan o seu traballo nas condicións que merecen os veciños. Non obstante, indicou que se trata dunha cuestión de preferencias do cuatripartito, xa que si aparecen facturas de autobuses para manifestacións partidarias en Santiago, a creación de novas festas sen arraigo na vila para que cada socio do goberno teña a súa celebración ou gabinetes de comunicación por cuadriplicado.

A concelleira popular acusou ao alcalde de “mentir descaradamente” sobre estes recurtes que pretende perpetrar cando asegurou que non memarán a calidade dos servizos públicos “cando o deterioro dos mesmos é evidente e palpable como non sucede en ningún outro municipio do Salnés”.

A edil do PP cre que esta situación económica asfixiante débese exclusivamente a “nefasta xestión” do cuatripartito derivada, por unha banda, á falta de capacidade dos seus integrantes e, por outra, a que moitos gastos están multiplicados por catro, “que é algo que non sucedería cun goberno con unidade de acción e de proxecto”.

Ademais, Sabela Fole tamén lamentou que o propio rexedor admita que “non hai alternativa” á inclusión de novos recurtes nas contas, “xa que supón o propio recoñecemento á súa incapacidade e a ter contentos aos demais socios” e que o propio voceiro do BNG, Liso González, sinale que os números que hai sobre a mesma “non son bos, pero non hai saída”. Ao respecto, lembrou que desde o PP se fixeron diversas propostas, tanto de contención como de aumento da recadación, que pasaría principalmente polo desenvolvemento do urbanismo como ferramenta “que aumentaría moito os recursos a través das licenzas e impostos e que ademais permitiría aumentar o parque de vivenda, que é a principal demanda dos cambadeses”.

“Liso di que non hai saída, pero é que realmente a este calexón nos están levando eles  que son os que dirixen o barco. Estes once anos de multipartito creo que foron moi malos, pero os 32 meses deste mandato están a ser insoportables, porque esta situación tan mala non se produce nos demais concellos e só hai que mirar ao noso redor”, concluíu a voceira popular.