O PP de Cambados acusa ao alcalde de estar “fóra da realidade” por negar o desacordo do goberno nos Orzamentos, xa que Cambados Pode confirmouno “por terra, mar e aire”

Cambados, 6 de maio de 2026

O grupo municipal do PP de Cambados vén de acusar ao alcalde, Samuel Lago, de estar “fóra da realidade e actuar como un auténtico negacionista” por non admitir o desacordo no seo do goberno local para aprobar o proxecto de Orzamentos Municipais de 2026, xa que lembrou que Cambados Pode e o concelleiro José Ramón Abal confirmaron que aínda non hai pacto “por terra, mar e aire”.

“Que o rexedor diga que non lle constan as diverxencias no cuatripartito e a falta de apoios suficientes para aprobar o documento económico é preocupante e demostra que vive encapsulado negando a maior, porque todo Cambados sabe que Abal non está de acordo e así se encargou de confirmalo dicíndoo aos catro ventos a pasada fin de semana. Lago non quere recoñecer que o edil independente desafiouno e desautorizouno, algo que non entendemos porque a súa autoridade xa a perdeu hai moito tempo tempo, pero negando os problemas non se resolven”, manifestou a voceira popular, Sabela Fole.

A concelleira lamentou que a negociación para sacar adiante as contas deste ano xa se prolongue por espazo de tres meses “cunha retransmisión en directo a modo de espectáculo dantesco”, xa que lembrou que estes orzamentos “non espertan ningunha ilusión”, posto que están centrados en recurtes e precariedade nos servizos públicos posto que o Concello están nunha situación financeira pésima e moi comprometida pola mala xestión do cuatripartito, tal e como e confirmou no Consello de Contas no seu derradeiro informe de fiscalización.

Fole, que tamén criticou que o alcalde agochase durante semanas cal era o grupo que inicialmente non se tiña sumado ao acordo dos outros tres “dun xeito infantil, xa que todo o mundo sabía que era Pode”, cre que o principal problema para o pacto destas “contas cativas e inservibles para o futuro de Cambados” pasa por unha especie de extorsión egoísta, xa que o partido independente quere máis cartos para as súas concellerías a costa de baleirar aos do resto.

 

“O alcalde segue mentindo, o PP non busca ningún tránsfuga”

Por outra banda, o PP cambadés tamén lamentou que o alcalde siga inmerso “nunha espiral de mentiras propia de quen vive nunha realidade paralela”, posto que os populares non está buscando ningún tránsfuga: “En xuño de 2023 o pleno falou e investíuse a un alcalde e a un goberno e, malia que consideramos que é nefasto para Cambados tal e como demostran os feitos, asumimos que o noso papel para todo este mandato sería estar na oposición e preparar a necesaria alternativa de goberno para 2027, así que pode ir deixando as súas falsidades”.

Ademais, aclaráronlle ao alcalde que, en todo caso, José Ramón Abal non sería un tránsfuga en caso de saírse do goberno, xa que forma parte dun partido independente que pode cambiar de socios: “Lago segue mentindo e a sabendas, xa que un tránsfuga en Cambados sería só un concelleiro socialista que abandonase o goberno, nunca un membro doutro partido, pero segue querendo confundir e enlamar para tapar a súa inoperancia e desesperación”.