O PP de Cambados acusa a Lago de mentir sobre a xustificación da suba do IBI, xa que non se debe á Xunta senón á súa xestión, e cre que hai alternativas sen este “sablazo do 35%”
Cambados, 29 de maio de 2025.-
O grupo municipal do PP de Cambados vén de acusar ao alcalde, Samuel Lago, de “mentir descaradamente” sobre as súas xustificacións para tentar subir o Imposto de Bens Inmobles (IBI) nun 35% para o próximo ano 2026, xa que indicou que non se debe a uns supostos impagos da Xunta de Galicia senón á súa xestión “baseada no despilfarro, no gasto superfluo e na multiplicación dos gastos por catro para contentar a todos no cuatripartito”.
De feito, os populares revelaron que o informe de Intervención que confirma a “malísima situación económica” de Cambados alerta de que están disparados os gastos na chamada “Conta 413”, que son os que fan irregularmente e sen procedemento.
Ademais, engadiron que outros dos motivos radica na importante merma dos ingresos urbanísticos e por licenzas de obras, “xa que a diferenza de todos os concellos veciños, a construción e rehabilitación de vivendas non se reactivou no noso municipio malia a forte demanda pola exclusiva responsabilidade do goberno local, xa que o Departamento de Urbanismo non funciona porque non ten persoal e a xente desiste”.
Tamén indicaron que existen “despilfarros” en moitas concellerías “simplemente para contentar aos seus e para desenvolver, cada un á súa maneira, a súa propia axenda política diferenciada dos demais socios” e iso sen contar os gastos en billetes de avión, hoteis e dietas para ir a Mallorca, Bruxelas, Madrid ou Vitoria “sen que sexa para nada de proveito para Cambados e simplemente para que os concelleiros viaxen por aí adiante”.
Por todo elo, e dado que para o PP todo o problema radica na xestión económica do cuatripartito, os populares propoñen que busquen a solución na contención de gastos “e non no asalto ao peto dos veciños que non teñen culpa da desfeita do goberno local”. “Os máis de 11 millóns de euros que manexa o Concello de Cambados cada ano son máis que suficientes para a lamentable xestión e os pésimos servizos e case nulos investimentos que lle prestan ao pobo”, matizou a voceira municipal, Sabela Fole.
En todo caso, desde o PP recomendáronlle ao alcalde que deixe de buscar “argumentacións falaces” para tentar convencer non se sabe a quen, posto que o voto popular vai ser contrario e os veciños rexeitan esta suba do 35% do IBI, “polo que pedímoslle que cese nestes esforzos e, se quere prepetrar este atraco, se centre exclusivamente en convencer ao edil José Ramón Abal para que rectifique a súa promesa e conte cos nove votos que necesita no pleno, pero a nós vainos ter ao lado dos intereses dos veciños e contra esta medida”.
Finalmente, os populares tamén calificaron de “alucinante” que unha das excusas do alcalde sexa comparar os 320.000 euros de salarios do goberno de Sanxenxo cos 160.000 de Cambados, “xa que esas cifras só demostran que aos veciños de Sanxenxo o seu executivo sáelle barato e aos cambadeses, carísimo, porque a xestión é tristemente incomparable”.