O PP da Cañiza solicita o precintado ou a adopción de medidas de seguridade no parque da Carballeira do Cacharado polo seu mal estado ata que se proceda ao arranxo

A Cañiza, 28 de maio de 2025.-

O grupo municipal do PP da Cañiza vai solicitar no próximo pleno o precintado inmediato ou a adopción de medidas de seguridade na área de ocio e o parque infantil da Carballeira do Cacharado polo seu mal estado actual e o deterioro de moitos elementos que poñen en risco aos nenos usuarios ata que se proceda ao seu arranxo.

Os populares revelaron que este espazo infantil e deportivo leva bastante tempo sen presentar as mínimas condicións para o seu emprego, pero o seu estado estase a deteriorar paulatinamente, xa que ten parte do valado caído, o firme deteriorado, deficiencias nos elementos de xogo, ferros dobrados e con ferruxe e outras eivas.

“Non ten as condicións de seguridade que require unha instalación destas características e hai un claro risco de accidente e de lesións polos nenos que o utilizan a diario, polo que esiximos que se acoute a zona ou se tomen medidas de seguridade e, paralelamente, que se proceda de inmediato ao seu acondicionamento”, explicou a voceira popular, Pilar Vicente, que formulará senllas preguntas ao alcalde no próximo pleno.

De feito, o PP cañicense lembrou que o Concello xa dispón de fondos para a modernización completa deste parque, posto que a Deputación de Pontevedra aprobou hai tres semanas unha achega de 60.500 euros para esta actuación ao abeiro do Plan +Provincia 2025. No marco da mesma, o organismo provincial agarda que se actúe nos 322 metros cadrados desta contorna coa retirada de todos os elementos deteriorados, a substitución dos elementos de xogo, a reparación do valado e a dotación dun pavimento con amortiguación.

“Ademais de pedir a adopción de medidas urxentes de seguridade, como podería ser o precintado parcial e temporal, queremos saber cal é a previsión de inicio das obras, xa que cremos que o goberno socialista, polo que nos anunciou, non quere levala a cabo por razóns que ninguén entende, porque o parque está moi mal e a Deputación deulle os fondos necesarios. Pero en todo caso, desde o PP seguiremos insistindo e traballando porque esta área de ocio é inadmisible que siga nas súas actuais condicións”, aseverou a concelleira do PP.