O PP de Caldas ve ao alcalde “totalmente superado e só” e acúsao de ser o responsable exclusivo do “retraso inadmisible” para o novo centro de saúde
Caldas de Reis, 17 de decembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de valorar moi negativamente o primeiro ano de xestión do alcalde, Jacobo Pérez, ao que ve “totalmente superado e só”, cun balance realizado por el mesmo que confirma moitas máis eivas que acerto e ao que acusan de ser o responsable exclusivo do “retraso inadmisible” para a construción do novo centro de saúde por parte da Xunta.
O voceiro popular, Fernando Pérez, calificou este primeiro ano de “moi cativo” e tilda de “alarmante” que propio rexedor diga que están sentadas as bases do futuro “cando non hai nada de nada máis que cambios de postura como fixo co proxecto da Variante Oeste, retrasos continuos nas obras como na EDAR de Carracedo, esperas interminables no caso das Pozas da Tafona e falta de proxectos ambiciosos para o campo de fútbol das Corticeiras ou para a construción do novo auditorio”.
“Se o alcalde di que noso futuro depende do centro de saúde e do polígono de Carracedo a verdade é que imos aviados, porque o Concello é o responsable absoluto e único de que non haxa avances e esteamos ante actuacións que, pola súa mala xestión e pasotismo, nunca serán unha realidade antes de 2023”, manifestou o concelleiro.
O edil do PP quixo lembrar que os dous grandes proxectos que están en marcha, o novo punto médico e o IES Aquis Celenis -que vai a moi bo ritmo-, ambos impulsados pola Xunta, teñen os compromisos municipais dos respectivos convenios “totalmente incumpridos porque o alcalde non fai o seu traballo e sen visos de solución a curto prazo”.
Así, indicou que a Xunta leva agardando desde o mes de marzo, cando se asinou o convenio, pola cesión da parcela para o novo centro de saúde, “polo que xa se perderon nove meses en xestións administrativas e rexistrais que nin sequera sabemos se se están facendo e que non teñen data prevista de finalización”. Ademais, respecto ao instituto, lembrou que mentres que o Goberno galego desenvolve as obras a gran velocidade, o Concello segue sen facer o seu traballo para a ampliación dos viais de acceso e a creación de aparcamento.
Fernando Pérez tamén indicou que o balance deste ano caracterizouse polo intento do alcalde e do PSOE de levar a cabo a Variante Oeste cun proxecto nefasto e medio oculto no mes de agosto “ata que a contestación social lles fixo rectificar”, o eterno retraso na construción da EDAR de Carracedo, o proxecto moi mellorable para Campo da Torre xa que deixa fóra as zonas anexas, a falta de orzamentos “coa surrealista xustificación de que quedaron obras pendentes de anos anteriores”, os incumprimentos na apertura das Pozas da Tafona, a ineficiencia dos fondos para a rehabilitación da Carballeira con 600.000 euros para accións innecesarias ou a inexistencia de proxectos para unha reforma completa do campo das Corticeiras ou para a construción dun auditorio “necesario e acorde á categoría do pobo de Caldas”.