O PP de Caldas tilda de “totalmente insuficiente” a restauración da Carballeira e lamenta que se dilapiden 640.000 euros en actuacións superfluas que non beneficiarán ao espazo
Caldas de Reis, 22 de novembro de 2025
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis tilda de “totalmente insuficiente” o proxecto de restauración da emblemática Carballeira, cuxas actuacións veñen de comezar esta semana, e lamenta que se dilapiden 640.000 euros en actuacións superfluas e innecesarias que no beneficiarán a este espazo, posto que dos 1.452.000 outorgados polos fondos europeos Next Gen só se van investir 810.700 en melloras efectivas.
Para os populares, o mal estado deste céntrico bosque, que está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC), débese exclusivamente á “mala xestión e abandono” do mesmo por parte do goberno local durante moitos anos e consideran que “toda cantidade que se invista no mesmo é máis que necesaria para corrixir canto antes o seu deterioro”. Por iso, consideran que deberían investirse de xeito real os 1,4 millóns de euros concedidos, polo que lamentou as directrices do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e a complicidade do goberno local “para tirar 640.000 euros que eran máis que necesarios na Carballeira en cuestións que non serven absolutamente para nada”.
Así, o PP caldense especificou que lle parece un “desperdicio” que se destinen 60.500 euros ao deseño do proxecto turístico, 38.720 euros á monitorización intelixente do espazo, 169.400 euros a cuestións de enriquecemento da visita, 18.150 euros a unha instalación fotovoltaica, 27.830 euros aos sistemas de xestión, 72.600 euros a comunicación “nunha política de autobombo totalmente desmesurada” e 254.100 euros a un centro de visitantes, “o cal xa é unha barbaridade e que ademais vainos deixar sen sala de exposicións no auditorio”.
Ante esta situación, a formación liderada por Fernando Pérez vai demandar explicacións e transparencia sobre estes gastos ao goberno bipartito “porque ou as cifras non cadran ou estamos ante unha tomadura de pelo de grandes dimensións” e engadíu que esta mesma sensación de despilfarro a comparten numerosos colectivos e a inmensa maioría dos veciños.
Así mesmo, o propio voceiro municipal do PP tamén cuestionou toda a xestión do goberno local nesta actuación, posto que inicialmente concedéuselle unha achega de 760.000 euros ao abeiro do 2% cultural do Goberno de España, á que renunciaron pola compatbilidade cos 1,4 millóns dos Next Gen, e lamentaron que non tentasen facerse coas dúas, para distintos fins, xa que a primeira podería investirse no xardín do Asilo ou o malecón, que están abandonados e afundíndose.
Finalmente, Fernando Pérez proseguíu coa súa crítica ao traballo do executivo municipal neste proxecto polo “enorme retraso” que acumula o mesmo –con ata ampliacións nos prazos de contratación por falta de ofertas–, posto que o cronograma apuntaba ao seu desenvolvemento no período 2023-2025 e as obras veñen de comezar canto xa tiña que estar rematada e practicamente ás portas do ano 2026. Neste senso, incidíu en que estes adiamentos teñen gran importancia ante o mal estado desta zona verde, xa que afecta ao crecente deterioro das árbores e do conxunto.