O PP de Caldas salienta que a Deputación “rescata” ao Concello para executar a reforma do centro urbano e lamenta os retrasos e deficiencias pola xestión municipal

Caldas de Reis, 12 de novembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de salientar que a Deputación de Pontevedra está a “rescatar” ao Concello para executar a reforma e acondicionamento do centro urbano grazas aos programas de investimentos do Plan Extra, xa que ditas actuacións serían imposibles de acometer cos fondos propios e en base á propia xestión do goberno local. Non obstante, os populares lamentaron que o bipartito non estea a aproveitar todos os fondos posibles nin a desenvolver axeitadamente a execución destes investimentos con retrasos e deficiencias que poden poñer en perigo a realización das obras.

Así, a formación liderada por Fernando Pérez criticou que o acondicionamento do Campo da Torre e da contorna da ponte romana, “que é unha obra moi emblemática e demandada tras anos de abandono deste espazo por parte do goberno socialista”, está totalmente atascada nas necesarias sondaxes arqueolóxicas máis dun ano despois da súa presentación ao Plan Extra.

“Tras pasar absolutamente dunha zona moi querida en Caldas durante décadas, agora teñen a sorte de que a Deputación lles financia os traballos con 630.000 euros, pero non é admisible que estas tarefas administrativas previas estean sen facer acumulando retrasos eternos, o que nos lembra a situacións tristemente moi habituais do goberno de Caldas, como é o caso do centro de saúde, no que seguen sen facer os deberes mentres o adiamento se volve insoportable”, lamentou o voceiro, que tamén afeoulle ao bipartito que non aproveitara ao máximo o plan provincial, xa que podían optar ata 700.000 euros de achega.

Por outra banda, Fernando Pérez tamén indicou que pode haber problemas coa concesión dunha contía similar ao abeiro da segunda edición do Plan Extra, para o que se presentou o acondicionamento e reforma da rúa San Roque e da contorna da capela do mesmo nome e se postula como unha nova fase da urbanización do centro da vila malia que están especificamente prohibidas nas bases e pregos do Plan Extra, o cal podería ser motivo de exclusión e perda do investimento. “Confiamos na sensibilidade e boa vontade da Deputación e agardamos faga unha interpretación flexible, porque o espírito do presentado polo goberno local vai contra a regulación do Plan Extra e sería un desastre que se perderan estes fondos tan importantes”, aseverou o edil popular.