O PP de Caldas rexistra a convocatoria dun pleno extraordinario para que o Concello reclame a Transportes a retirada inmediata do estudo informativo da Variante Oeste
Caldas de Reis, 17 de setembro de 2025.
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de rexistrar formalmente a convocatoria dun pleno extraordinario monográfico sobre o proxecto “Variante Oeste e Acceso ao Porto de Vilagarcía pola AP-9”, impulsado polo Ministerio de Transportes do Goberno de España, no que solicitará o acordo da corporación para esixir a retirada inmediata do estudo informativo actualmente en curso e o inicio urxente dun novo trazado non lesivo para que se dote á vila, no prazo máis curto posible, da súa necesaria circunvalación.
O voceiro municipal, Fernando Pérez, formalizou esta convocatoria plenaria, á que o PP ten dereito como partido máis votado e con maior representación no pleno, co obxectivo de “facer forza” en apoio ás reivindicacións dos centos de afectados e das plataformas parroquiais constituídas en Godos, Santa María, Arcos e Bemil, así como da coordinadora que defende os seus intereses. Por elo, reclamou “unidade de acción” a todos os grupos municipais para alcanzar “un acordo claro en defensa dos veciños, do noso territorio, das vivendas que se pretenden derrubar e das empresas afectadas” que pasa exclusivamente porque se tumbe o actual estudo informativo.
“Xa anunciamos hai uns días que íamos convocar este pleno e, tras analizar toda a documentación e as alegacións, damos o paso, polo que lle pedimos a máxima axilidade ao alcalde para a súa convocatoria porque están en xogo o futuro de Caldas e non temos tempo que perder e máis cando o propio Jacobo Pérez ocultou a información durante semanas, actuou sen transparencia e mantén unha falsa ambigüidade porque, realmente, el apoia este proxecto xa que dixo que había que aceptalo porque era o menos malo e porque non ten a fortaleza política suficiente para enfrontarse aos seus compañeiros do PSOE en Madrid”, significou Fernando Pérez, que tamén lamentou o “electoralismo” co que está a actuar o BNG “porque se lle realmente lle importaran os veciños debía ter a dignidade de abandonar de inmediato o goberno local, xa que o PSOE quería este proxecto e agora simplemente se mantén tibio ante o clamor veciñal”.
Ademais, o voceiro do PP solicitou aos membros do bipartito que “deixen traballar de forma independente” á coordinadora e ás plataformas, xa que a maioría dos veciños e integrantes non está contentos do como están a xestionar este asunto desde o Concello. “Creo que a nosa postura é a máis correcta, cunha defensa irrenunciable da nosa xente e do noso municipio, e acompañando e apoiando ás súas demandas, pero sen mentirlles como fai o alcalde ou sen utilizar o asunto como está a intentar infructuosamente o BNG”, concluíu.