O PP de Caldas revela que o proxecto lesivo da Variante Oeste segue sen estar cancelado no BOE e pídelle ao alcalde que “deixe de mentir” implicando á Xunta cando a obra é do Estado
Caldas de Reis, 18 de setembro de 2026
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de revelar que o proxecto da Variante Oeste lesivo e danino cos veciños e co territorio segue vixente e aínda non figura como cancelado no Boletín Oficial do Estado (BOE) seis meses despois de que, de xeito surrealista, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciase esta suposta decisión do Ministerio de Transportes.
“A única realidade é que medio ano despois deste anuncio e de que o Parlamento de Galicia pedise a retirada do estudo informativo e dous meses despois de que tamén o fixese o pleno de Caldas de Reis, este documento segue vivo. Anunciouse cunha publicación no BOE pero aínda non se fixo o mesmo proceso para a súa anulación non sabemos porque intereses contrarios aos desexos dos veciños. E diso é do que tiña que preocuparse o alcalde socialista ao que lle pedimos que deixe de mentir tras dous anos sen contar unha verdade neste proceso”, manifestou o voceiro municipal, Fernando Pérez.
Deste xeito o PP de Caldas quere poñer o foco no importante despois de que esta semana o rexedor Jacobo Pérez retomase o asunto tentando implicar falsamente á Xunta cando non ten competencias nunha obra que, como todo Caldas sabe, é exclusivamente do Estado. Así, pedíronlle ao alcalde que se retracte e pida desculpas despois de afirma que a Consellería de Planificación de Infraestruturas recibiu unha carta o pasado 14 de xullo na que se lle informaba de que se pretendía reformular o proxecto é facer unha mini-variante cando en realidade a carta foi enviada ao Parlamento de Galicia en resposta ao acordo do pasado 10 de marzo coa abstención do PSOE.
“Nós xa sabemos que o PSOE confunde o Goberno co partido, como xa vimos cando Besteiro veu anunciar unha decisión que lle correspondía ao ministerio, pero o alcalde debería saber que o Parlamento non é a Xunta. Cremos que o sabe é que segue actuando de mala fe para tratar de enganar porque está desesperado e superado pola situación”, sinalou o concelleiro caldense.
Fernando Pérez indicou ademais que esta carta do ministerio “non ten ningún valor nin ningunha fiabilidade, tal e como estamos sufrindo neste proceso en Caldas de Reis, xa que a falta de compromiso e o desprezo do Goberno polos nosos veciños é de escándalo”, polo que reclamou o que realmente vale, que é a publicación da cancelación no BOE e o reinicio dun novo estudo informativo para a construción da necesaria Variante Oeste.
“Jacobo Pérez comezou este proxecto enganando aos veciños e segue a facelo cada día, tentando desviar a atención, porque se lle pillou na allada. O que ten que facer é pedirlle ao ministro que cumpra con Caldas, cancele o proxecto e comece de inmediato con outro, porque non sabemos que intereses ten o alcalde para manter vivo este estudo informativo, aínda que el xa dixo que eran electorais para presentar calquera cousa antes das eleccións de maio, pero dese documento non vai saír nada bo para Caldas e terá de fronte aos veciños”, concluíu Pérez.