O PP de Caldas revela que a Deputación e a Xunta veñen de transferir 1,63 millóns de euros ao Concello para salvar os investimentos e o gasto corrente deste ano
Caldas de Reis, 27 de maio de 2026
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de revelar que a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia acaban de confirmar diversas transferencias a prol do Concello por un importe de 1,63 millóns de euros que son as que permitirán salvar os investimentos e o gasto corrente no que resta do presente ano.
Para os populares esta situación supón un “rescate en toda regra” ante a falta de fondos do Concello, derivada da mala xestión do bipartito, e que permitirá atender as necesidades dos caldenses á hora de acometer obras, celebrar actividades e reforzar servizos municipais “que doutro xeito quedarían no limbo ou desatendidos cando hai faltan sete meses para rematar o ano”.
Segundo revelou o PP local, estes cartos veñen de incorporarse ao orzamento municipal tras a confirmación da transferencia por parte de ambas administracións a través dunha modificación de crédito baixo o formato de xeración de créditos que xa está vixente tras a súa aprobación.
Entre os fondos procedentes da Deputación figuran 3.800 euros para o programa +Escénicas, 11.800 para emerxencia social, 156.000 para obras e persoal ao abeiro do Plan +Provincia, 700.000 euros para a mellora peonil na rúa San Roque, 90.000 para a pavimentación e rede de pluviais de San Martiño, na Entidade Local Menor de Arcos da Condesa, e 135.000 para ampliación do campo das Corticeiras.
Pola súa banda, a Xunta achegará 60.000 euros para o desenvolvemento do programa Vioxén, 2.500 euros para as actividades de Cultura no Camiño, 836 para o evento Ler Conta Moito, 468.000 euros para a quinta edición do obradoiro de emprego e 1.109 euros para a redacción do plan de prevención de incendios forestais.
Ante esta situación, o voceiro municipal do PP, Fernando Pérez, quixo salientar o “compromiso demostrado con feitos rotundos” de ambas administracións con Caldas de Reis para tratar de superar unha situación evidentemente difícil das arcas municipais e, paralelamente, lamentou que o Concello leve tres anos sen ser capaz de impulsar o municipio e liderar o desenvolvemento necesario “malia as contías históricas e as achegas millonarias que lle están a facilitar de xeito constante a Deputación e Xunta”.