O PP de Caldas esixe o expediente e as facturas da reforma da Carballeira e do centro de interpretación para depurar presuntas irregularidades nos prazos e as axudas
Caldas de Reis, 3 de xuño de 2026
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vai esixir o acceso a todo o expediente e ás facturas da reforma da Carballeira e do Xardín Botánico, aos que se destinaron 1,4 millóns de euros de fondos europeos, para depurar presuntas irregularidades no cumprimento dos prazos e no acceso ás axudas.
Os populares lembraron que este proxecto data do ano 2022, pero o goberno bipartito perdeu o tempo e deixou correr os prazos ata que, o pasado mes de marzo, comezou cunha tramitación exprés para tratar de rematar a obra, principalmente o centro de interpretación e de visitantes, que espertou moitas dúbidas por parte dos técnicos municipais e incluso un informe de Intervención alertaba da dificultade de cumprir os prazos para xustificar os fondos europeos e da posibilidade de perder a achega final de 250.000 euros.
De feito, no acto de inauguración do pasado venres, o goberno local salientou que a obra estaba rematada, pero o citado centro 24/7, emprazado no auditorio, estaba pechado e seguía en obras, tanto nesa xornada como esta mesma semana, cando cómpre lembrar que o prazo de xustificación ante a UE remataba o 31 de maio. “O centro non se puido percorrer e estaba pechado a cal e canto con maquinaria de obra, que seguía esta mesma semana, polo que queremos transparencia neste asunto”, explicou o voceiro municipal, Fernando Pérez, que lembrou que as irregularidades xa comezaron a principios de marzo cando se celebrou un pleno extraordinario para levantar un reparo, por parte de PSOE e BNG, orientado a licitar, contratar e executar a obra en menos de tres meses.
O concelleiro popular lembrou que aquel acordo do bipartito, censurado pola Intervención, foi unha “animalada administrativa” da que derivan todas estas présas e todos estes problemas, polo que queren examinar o expediente para saber en que situación económica queda o Concello, posto que a perda dos 250.000 euros de fondos europeos sería moi grave, xa que as arcas municipais carecen de partida propia para sufragalos e deixaría un importante burato.
Ademais, os populares tamén recalcaron que todo este procedemento foi “incrible”, posto que a apertura de ofertas producíuse o 27 de marzo e o prazo de execución do centro de interpretación erá de só 42 días malia que había que investir 390.000 euros no edificios. “Nin cadran as cifras, nin cadran os tempos, así que é preciso que se despexen todas estas incógnitas”, aseverou.
Finalmente, Fernando Pérez tamén anunciou que van pedir todas as facturas da reforma e mellora da Carballeira ata sumar o importe de 1,4 millóns de euros “porque é indubidable que este espazo mellorou algo, e máis cando os socialistas tivérono abandonado durante décadas, pero non hai ninguén en Caldas que se crea que meteron esta cantidade tan importante nesta actuación, porque apenas se fixeron tres ou catro cousas e un pouco de limpeza”.