O PP de Caldas denuncia que o Concello está a piques de perder 250.000 euros de fondos europeos que impedirían rematar a reforma integral da Carballeira pola súa “nula xestión”

Caldas de Reis, 7 de marzo de 2026

O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de denunciar que o Concello está a piques de perder 250.000 euros de fondos europeos enmarcados nos 1,4 millóns de euros concedidos para a reforma integral da Carballeira, polo que esta actuación ou vai quedar incompleta sen o Centro de Interpretación ou vai deixar un burato importante nas arcas municipais.

Os populares achacaron esta situación exclusivamente ao bipartito encabezado por Jacobo Pérez, posto que este proxecto data do ano 2022 e teñen, catro anos despois, aínda sen licitar o citado edificio museístico, polo que é practicamente imposible que se dea rematado antes do 31 de maio, que é o prazo límite para a xustificación do emprego destes fondos europeos.

Sen embargo, desde o PP indicaron que o goberno local segue coa súa “fuxida cara adiante”, posto que onte celebraron un pleno extraordinario urxente para levantar un reparo de legalidade sobre o emprego deste diñeiro co obxectivo de tentar licitar, contratar e executar un edificio de 250.000 euros en apenas dous meses e medio. Precisamente por isto, a Intervención Municipal puxo o citado reparo, xa que advirte de que hai un grave risco de que non se perciba esta axuda polo incumprimento do prazo e, ademais, non hai partida propia e estase en situación de insuficiencia orzamentaria para pagalo con fondos municipais se, como todo apunta, non chega o diñeiro de Europa.

“O prego está redactado e agora, tras levantarse o reparo só cos votos de PSOE e BNG, xa que nós abstivémonos ante esta animalada administrativa, vaise sacar a licitación, pero ten que ir ao Boletín da Unión Europea e que discurran os correspondentes prazos, polo que, agás un milagre, vanse perder estes cartos e todo isto débese exclusivamente á ‘xestión cero’ do goberno local”, manifestou o voceiro, Fernando Pérez.

O concelleiro do PP recalcou que esta situación é “moi grave” e se enmarca na “absoluta chapuza” do executivo na reforma da Carballeira, xa que concedéronse 1,4 millóns de euros “que os veciños non ven por ningures porque, xa feitas gran parte das obras, ese emblemático paraxe segue nun estado lamentable” e agora “non se vai chegar a tempo para rematalas con financiamento europeo e van deixar un pufo considerable que non hai con que pagalo”.

Finalmente, Fernando Pérez explicou que a xestión da mellora da Carballeira “é o triste exemplo perfecto” da incapacidade de xestión do goberno local, xa que o diñeiro que nos conceden todas as administracións “non chega finalmente a Caldas e non redunda na cidadanía” e engadíu como exemplos os incumprimentos dos convenios para os viais e o aparcadoiro do IES Aquis Celenis que a Xunta está a piques de rematar ou da posta a disposición dos terreos do centro de saúde a prol da Consellería de Sanidade, que xa acumula un retraso dun ano.