O PP de Caldas denuncia o abandono do Concello ao CEIP San Clemente pola falta de conserxe desde decembro e a ausencia de conexión á rede de saneamento

Caldas de Reis, 4 de abril de 2025.-
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de denunciar publicamente o abandono ao que o goberno bipartito somete ao CEIP San Clemente da vila, xa que este centro educativo está sen conserxe –que é unha competencia municipal adscrita ao seu cadro de persoal– desde o pasado mes de decembro e carece, desde hai anos, de conexión á rede de saneamento.
Ante esta situación, a formación liderada por Fernando Pérez quere esixirlle ao executivo municipal que atenda dunha vez por todas as demandas da comunidade educativa e cumpra coas súas obrigas, dotando ao CEIP dun conserxe mentres o titular da praza siga de baixa e acometendo dunha vez todas as obras que permitan que este inmoble dispoña de servizo de sumidoiros.
O voceiro municipal, ao que estes problemas lle foron trasladados por moitas familias de alumnos, lamenta que o bipartito de Caldas aplique “serios recurtes” nas súas competencias en materia de educación pública, xa que salientou que o conserxe leva catro meses de baixa e non quixo cubrir a praza “simplemente para aforrarse uns cartos, aínda que elo merme a calidade do servizo posto que diminúe o control e outros aspectos do funcionamento do centro”.
Paralelamente, lembrou que as eivas e deficiencias municipais con respecto ao CEIP San Clemente “xa veñen de vello”, posto que recalcou que, tempo atrás, xa houbo problemas coa conexión á rede de abastecemento de auga, o que motivou que o colexio estivese meses sen este servizo, e na actualidade segue sen solucionarse, tras anos de agarda, a construción da infraestruturas de sumidoiros para o centro por parte do Concello, dado que é un servizo municipal, e a súa conexión á rede xeral.
“Todo isto demostra que a defensa da educación pública por parte dos dous alcaldes é totalmente impostada e xurde dunha mentira absoluta, como demostran os seus feitos, e só empregan este mantra para atacar á Xunta e prexudicar, con esta política de confrontación, aos caldenses. En todo caso, todos os veciños saben perfectamente dos investimentos millonarios que a Xunta está a facer en educación no noso concello, sendo un dos tres municipios máis beneficiados de toda a provincia de Pontevedra”, concluíu Pérez.