O PP de Caldas denuncia a apertura ilegal da Área Termal da Tafona por carecer de autorización administrativa de Industria para o uso lúdico das augas mineromedicinais

Caldas de Reis, 10 de setembro de 2026

O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de denunciar a apertura ilegal da Área Termal ‘Entreaugas’ da Tafona por carecer da correspondente e imprescindible autorización administrativa da Consellería de Economía e Industria para o uso e aproveitamento lúdico de augas mineromedicinais, tal e como se confirma na documentación solicitada formalmente polos populares e entregada polo Concello.

“Abriron as instalacións polas bravas sen permiso, e ademais sabendo que non o tiñan, cousa que vimos de confirmar no informe que nos facilitaron e que obra no seu poder. E fixeron isto porque se lle caía a cara de vergoña tras 16 anos de espera e porque están desesperados polas malas perspectivas das próximas eleccións municipais, pero así non se fan as cousas”, sinalou a vicevoceira do PP, Sara Martínez, que lembrou que está forma de actuar “para tentar salvar o goberno o vindeiro mes de maio” xa a vimos na rehabilitación da Carballeira e acabaron perdedon unha axuda de 441.000 euros que van ter que pagar todos os veciños.

Os populares revelaron que, no informe de Industria, revélase que o pasado mes de maio de 2025 o tenente de alcalde, Manuel Fariña, solicitou á Xunta autorización administrativa para o uso lúdico das augas termais na Tafona e, desde aquela, só se emitíu unha resolución para as escavacións necesarias para construír a instalación e ademais se lle emitíu un requerimento para que enmendase o proxecto e achegase a documentación necesaria para que se comezase coa tramitación do expediente.

Porén, desde o Concello non fixeron nada disto e, 14 meses despois de presentar aquela solicitude, procederon á apertura totalmente irregular das pozas o pasado 1 de xullo. “Desde a consellería recálcase que o permiso para as obras non é ningún título habilitante para o uso lúdico das augas, que esixe dun procedemento rigoroso para garantir a seguridade dos usuarios e para preservar os acuíferos que alimentan os mananciais e as captacións da chamada Fonte da Burga”, apostillou a concelleira do PP, que se preguntou se “o goberno pretendía abrir as pozas sen permiso, tal e como fixo, xa non era necesario nin que presentaran a solicitude ante Industria, pero tiraron para adiante ilegalmente porque lles está fervendo chegar sen os deberes feitos ás eleccións e co pobo totalmente abandonado”.

Sara Martínez, que revelou que a Área Termal tamén abríu sen permiso de Sanidade posto que esta consellería recibíu a solicitude o pasado 13 de xullo, quixo advertir dos posibles riscos ante un posible incidente “porque o procedemento da Xunta non se fai por amolar, senón por garantir un uso apropiado das augas”, e lembroulle ao goberno bipartito, máis alá das posibles derivadas desta actuación ilegal, que serán os exclusivos responsables ante calquera incidente.

“Parece mentira o que está a facer o bipartito PSOE-BNG, saltándose a normativa cada dous por tres, porque deberían saber que o máis importante sempre é garantir a seguridade e non o seu ego ou as súas perspectivas electorais. E cando Jacobo Pérez e Manuel Fariña din que as pozas cumpren coa normativa, minten descaradamente, porque non teñen autorización administrativa”, concluíu.