O PP de Caldas denuncia a “ambigüidade e falta de apoio” do goberno local aos afectados pola Variante Oeste e esíxelle que apoie a petición de retirada do proxecto no pleno
Caldas de Reis, 25 de setembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de denunciar e lamentar a “ambigüidade e falta de apoio real” do goberno local socialista dirixido por Jacobo Pérez cos afectados polo proxecto da Variante Oeste e Acceso do Porto de Vilagarcía á AP-9 e esíxelle ao PSOE que apoie decididamente a proposta popular de esixirlle ao Ministerio de Transportes que tumbe de inmediato o actual estudo informativo polas súas graves afeccións ao territorio.
Dita solicitude vaise debater mañá, venres, 26, ás 20.00 horas no pleno extraordinario impulsado polo PP de Caldas, ao que ten dereito como forza máis votada e representativa do concello, e para o que os populares convidan á cidadanía a asistir masivamente “para facer forzar na nosa petición de que se bote atrás o actual proxecto e se faga un novo estudo con outro trazado que non sexa lesivo para os nosos veciños”.
Neste senso, o voceiro municipal, Fernando Pérez, sostén que o rexedor e os socialistas locais teñen unha “ocasión magnífica” para demostrar que xa rectificaron realmente a súa postura con respecto da Variante Oeste, xa que lembrou que inicialmente apoiaron a axilidade desta actuación e o contido do estudo informativo.
“O propio alcalde dixo en moitas reunións que o trazado proposto polo Goberno de España era o mellor posible e defendeuno en asambleas ao tempo que respaldou unha exposición pública escurantista no mes de agosto e agochada por el mesmo, pero foi recuando de cara á galería por simple tacticismo electoral ante a forte contestación social tras a presentación de 3.000 alegacións, principalmente nas parroquias de Saiar, Godos, Santa María, Arcos e Bemil. En todo caso, temémonos que este suposto e feble apoio aos afectados non sexa real e por iso imos esixirlle que se enfronte ao Goberno de España coa súa postura no pleno”, indicou.
Pérez engadíu que os socialistas de Caldas están a levar todo este proceso “a remolque, a reganadentes e arrastrando os pés con continuas mentiras”, xa que explicou que a ampliación do prazo de alegacións por un mes máis “non se debe á boa vontade do executivo central nin á xestión do alcalde, senón á presión veciñal”.
Finalmente deixou claro que o PP caldense apoia decididamente a construción da Variante Oeste, xa que considéraa fundamental para o futuro e o desenvolvemento da vila e do concello, pero cre que “non se pode facer de calquera maneira, derrubando vivendas, prexudicando a empresas e fendendo o noso territorio tal e como quere facer o Ministerio de Transportes”. “Variante Oeste si, por suposto que si, pero en ningún caso así”, concluíu o concelleiro do PP.