O PP de Caldas de Reis tilda de “inadmisible” que o goberno paralizase sen xustificación durante 7 meses o proxecto de urbanización do centro de saúde e esixe responsabilidades

Caldas de Reis, 26 de setembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de calificar de “inadmisible” que o goberno local dirixido por Jacobo Pérez paralizase sen xustificación durante sete meses o encargo da redacción do proxecto de urbanización do novo centro de saúde, impulsado pola Xunta cun investimento de 7,2 millóns de euros e que non pode arrancar ata o que o Concello non acometa a correspondente tramitación administrativa dos terreos.

O voceiro popular, Fernando Pérez, interesouse no pleno ordinario celebrado onte á noite polos “enormes retrasos” derivados das responsabilidades e competencias do executivo municipal neste proxecto e esixíu a depuración de responsabilidades “porque os socialistas levan anos de xestión ineficaz neste asunto e están privando aos caldenses dun moderno centro sanitario”.

O concelleiro do PP lembrou que o proxecto leva moitos anos de dilacións pola falta de dilixencia do Concello á hora de acometer o plan especial e outras cuestións urbanísticas vencelladas aos terreos “malia que o Sergas sempre amosou o seu compromiso e, tan pronto puido, remitíu un convenio para a súa sinatura”. Neste senso, apuntou que dito acordo rubricouse o pasado 3 de marzo “tras unha insistencia máxima por parte da Xunta e de que o goberno socialista tivese o documento oito meses gardado nun caixón un claro abandono á mellora da nosa sanidade pública”.

“Acumulan retraso tras retraso e cada paso que hai que dar fano con meses de agarda nos que fan absolutamente nada. En vez de axilizar o proxecto máis importante da historia recente de Caldas, paran cada trámite durante meses e están a facer que todo este proceso sexa insufrible pola súa exclusiva responsabilidade”, apostillou o edil.

Para Fernando Pérez, que o alcalde presuma do arranque dun contrato menor para redactar o proxecto de urbanización do novo punto médico tras sete meses sen facer nada -entre o 3 de marzo e o 24 de setembro- “non é para sacar peito, senón máis ben para agocharse e pedirlle perdón aos veciños”.

O voceiro municipal, que lembrou que a Xunta non pode redactar o proxecto do centro de saúde e licitar as obras ata que non se cumprimente a tramitación dos terreos por parte do Concello, tamén lamentou as “excusas peregrinas” dadas polo alcalde no pleno xustificando estes sete meses de retraso na falta de persoal. “Creo que directamente estalle tomando o pelo aos caldenses, porque el é o responsable do persoal municipal e quen ten as competencias para dotarse dos traballadores necesarios e tamén é quen deben priorizar as tarefas que fan, polo que trabucouse cando parou este tema porque, para o PP, o centro de saúde é absolutamente vital”.

Finalmente, Pérez tildou de “cachondeo” que Jacobo Pérez, ademais de sacar peito pola contratación do proxecto de urbanización, fale do compromiso do Concello e lle esixa á Xunta que dea prioridade ao centro de saúde, “posto que toda a paralización e retraso débesa exclusivamente á súa falta de traballo”.