O PP de Caldas de Reis revela que hai un clamor veciñal polas pragas de ratas, suciedade, lixo sen recoller e cheiros e esixe unha intervención urxente

Caldas de Reis, 21 de agosto de 2025.

O grupo municipal do PP de Caldas de Reis esixe ao goberno local unha intervención urxente de control de pragas e limpeza ante a presenza masiva de ratas en numerosas rúas do casco urbano, suciedade, lixo sen recoller nos contedores, moitos dos cales se atopan rotos, e fortes e pestilentes cheiros.

“O casco urbano de Caldas de Reis sufre unha situación de abandono pola absoluta responsabilidade e deixación de funcións do bipartito, que non acomete as necesarias labores de limpeza a través dos servizos municipais e que está deixando que pragas de ratas campen ás súas anchas, xerando un grave problema de saúde pública e un forte clamor veciñal”, advertíu o voceiro municipal, Fernando Pérez.

O concelleiro popular criticou tamén a postura do alcalde, Jacobo Pérez, que indicou que recibíu algunha queixa “cando o malestar é moi evidente e maioritario” e que achacou dita circunstancia ás altas temperaturas, “pero nos demais concellos da contorna tamén sufren o calor e non están nesta situación lamentable e inadmisible”. Ademais, tamén lamentou a impotencia recoñecida polo propio rexedor, “que dixo que están buscando unha solución ao problema, como se a mesma non fora obvia”.

“Se só lle chegou algunha queixa solta e non ve o problema, ou ben non se entera de nada e non fala cos veciños ou ben non vive en Caldas e segue noutro mundo”, apostillou Pérez, que concretou que non se poden escudar nas festas de San Roque, xa que a presenza crecente de ratas e a suciedade están a motivar moitas queixas veciñas xa desde o pasado mes de xullo.

Neste senso, Fernando Pérez engadiu que, ao problema do centro urbano, engádese a mesma situación na Avenida de Dona Urraca e na rúa das Carballas, cuxos residentes trasladáronlle ao PP, e tamén ao alcalde, que os garaxes, hortas e trasteiros das súas vivendas teñen a presenza de ratas que saen dos contedores e dos rexistros de alcantarillado e que xeran focos de infección e unha situación moi incómoda para os veciños.