O PP de Caldas de Reis propón a construción dun auditorio de maior funcionalidade e aforo para superar 45 anos de abandono nas instalacións sociais e culturais
Caldas de Reis, 31 de maio de 2025
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de propoñer a construción dun auditorio público de primeiro nivel, con maior funcionalidade e aforo que as pírricas instalacións actuais, para superar 45 anos de abandono por parte do goberno socialista a dotar á capital da comarca dunha instalación social e cultural acaída para as necesidades do concello.
Os populares, co voceiro Fernando Pérez, á cabeza, presentaron a súa iniciativa fronte ao actual auditorio, que conta con apenas pouco máis de 200 asentos, unha platea de escasas dimensións nas que non se poden celebrar moitas actuacións e actividades e dúas salas de pouco máis de 100 metros cadrados que tampouco cumpren as necesidades de moitas exposicións. E a todo elo engádese unha distribución e unha funcionalidade moi deficientes.
Por elo, desde o PP caldense consideran que chegou o momento de comezar co proxecto de construción dun novo auditorio de primeiro nivel e que responde ás necesidades da capital da bisbarra, polo que instan ao bipartito a comezar de inmediato coa tramitación administrativa, a redacción do proxecto e a consecución do financiamento.
“Cremos que é algo que urxe e por iso queremos solicitalo publicamente aos dous alcaldes, pero a verdade é que amosamos a nosa total desconfianza en que saia adiante, tanto pola actitude de abandono coa cultura e con esta instalación durante todos estes anos, como pola política do BNG, baseada exclusivamente en festas e en gastar os recursos públicos en facerlle fotos a Manuel Fariña, polo que, para que isto saia adiante, debían cambiar as súas prioridades e, desgrazadamente, non cremos que o vaian a facer”, sinalou Fernando Pérez, que anunciou que o PP incluirá a construción dun novo auditorio “do nivel que se merece Caldas como capital comarcal” para o próximo mandato a partires do ano 2027.
“É lamentable que Caldas, cunha banda de música de primeiro nivel e numerosos grupos e asociacións que son os únicos que tiran pola cultura e a dinamización co seu gran traballo, teña un auditorio pírrico e incómoco, pero a comparación é especialmente odiosa, e máis sendo a capital da bisbarra, con respecto a Valga, Portas e Moraña, que si teñen grandes instalacións grazas á xestión de alcaldes do PP”, concluíu Pérez.