O PP de Caldas de Reis lamenta que a nova proposta de soldos do bipartito “siga medrando ata o infinito” e xa rolde os 116.000 euros anuais

Caldas de Reis, 30 de xaneiro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de lamentar a nova proposta de soldos do goberno local, que vén de ser presentada polo bipartito e que se debatirá esta noite nun pleno extraordinario, xa que “segue medrando ata o infinito” ata situarse, no caso de ser aprobada, en 115.875 euros brutos anuais, aos que haberá que engadirlle a maiores entre un 30% e un 35% máis de cotizacións sociais.
“Comezamos este mandato con 112.000 euros e, dado que hai que aprobar outra vez os salarios pola recente elección do novo alcalde, xa queren situalos preto dos 116.000 euros implementando outra suba máis malia que os soldos de hai ano e medio xa eran estratosféricos. É unha aberración e un sablazo aos petos dos veciños de Caldas e máis tratándose dun goberno tan dividido, feble, ineficiente e ineficaz que non merece, nin de lonxe, estas cantidades”, manifestou o voceiro municipal, Fernando Pérez.
A proposta do goberno municipal consiste en dúas adicacións parciais de 32.186 euros brutos anuais, unha delas para o novo alcalde Jacobo Pérez “que lamentablemente nin sequera atenderá a tempo completo aos veciños como se merecen”, e outra de 51.503 euros para o tenente de alcalde, o edil nacionalista Manuel Fariña, que comezou o mandato recibindo 50.000 euros “e que segue coa súa voracidade económica a costa dos caldenses”.
Os populares, que xa se opuxeron á proposta inicial de soldos do goberno ao comezo de mandato en xullo de 2023 por considerala “estratosférica e moi esaxerada” para un concello como Caldas, anunciaron a súa rotunda oposición e o seu voto en contra destas contías no pleno que se celebrará esta noite, xa que aínda por riba medran un 3% máis con respecto a hai 18 meses.
Fernando Pérez, que amosou o seu absoluto desacordo en que o alcalde limite o seu traballo a 25 horas semanas cun 62,5% de xornada tal e como reza o acordo, advertíu de que, con estes novos salarios, “os veciños de Caldas terán que pagar practicamente 400.000 euros, incluíndo tamén as correspondentes cotizacións sociais, polas nóminas destes tres concelleiros nos dous anos e medio que restan de mandato, polo que se non estamos ante un roubo se lle parece moito”.