O PP de Caldas de Reis lamenta os “prezos desorbitados” do servizo de conciliación estival e acusa ao goberno de “non poñer un euro” nunha prestación básica para as familias

Caldas de Reis, 19 de xuño de 2025.- O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de lamentar os “prezos desorbitados” do servizo de conciliación estival, conformado pola denominada Ludoteca de Verán, e acusou ao goberno bipartito de “non poñer un euro” nunha prestación básica e fundamental para as familias.

Os populares revelaron que este servizo, que foi adxudicado por case 86.000 euros por dous anos, ten un custe de 43.000 euros por cada verán e está financiado pola achega da Xunta, que o ano pasado subvencionou con 26.000 euros, e polas taxas pagadas polas familias.

“O bipartito clama polo público, pero só cando lle interesa e para confrontar, pero en realidade pasan absolutamente delo. E temos moitos exemplos, xa que non asumen as súas obrigas cos colexios e nunha cuestión como a conciliación, que para nós e tan fundamental como a educación ou a sanidade non poñen un euro e actúan como unha empresa privada”, afeoulles o voceiro municipal, Fernando Pérez.

O concelleiro do PP, que tamén criticou o “disparatado e non proporcional” prezo pola quincena, cifrado en 45 euros, lamentou que, malia ter unhas taxas moi elevadas, o bipartito aínda as incrementase este ano nun 8,3% ao pasar de 60 a 65 euros por cada mes.

Contraposición co gratuidade de Moraña

Neste senso, Fernando Pérez indicou que outro modelo máis favorable ás familias “é posible e necesario” e puxo como exemplo o caso de Moraña, concello veciño gobernado polo PP onde o servizo de ludoteca e conciliación, coas mesmas características que o de Caldas de Reis, é totalmente gratuíto para as familias.

Por elo, o voceiro popular avogou porque o Concello incorpore unha partida municipal para a Ludoteca de Verán, polo menos a partires do próximo ano 2026, para axudar ás familias facendo que as inscricións sexan moito máis asequibles e incluso puidesen chegar a ser gratuítas, como sucede, ademais de Moraña, en decenas de concellos da provincia.