O PP de Caldas de Reis esixe a anulación do estudo informativo da Variante Oeste e que se refaga cun trazado non lesivo ante o clamor social tras presentarse 1.500 alegacións
Caldas de Reis, 2 de setembro de 2025
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de esixir a anulación total e inmediata do estudo informativo da Variante Oeste e Acceso do Porto de Vilagarcía á AP-9, impulsado polo Goberno de España, e solicita que se refaga de xeito urxente cun trazado non lesivo para o concello ante o clamor e o rexeitamento social que esperta despois de que se presentasen máis de 1.500 alegacións.
O voceiro municipal, Fernando Pérez, presentou un total de 750 reclamacións do propio PP de Caldas e de centos de veciños nos rexistros da Subdelegación do Goberno e na Unidade de Estradas do Ministerio de Transportes en Pontevedra, pero indicou que as alegacións duplican esta cifra, xa que outras tantas foron presentadas por institucións, colectivos, outras formacións e veciños afectados a título particular.
“Este proxecto nace totalmente morto, xa que atenta contra o noso territorio, rebenta o termo municipal, divide parroquias, obrigaría a derrubar vivendas eé rexeitado pola práctica totalidade dos veciños de Caldas. Non serve nin o trazado máis puntuado, que afecta moito a Saiar, Godos, Santa María e Bemil, pero tampouco as outras cinco alternativas propostas por Madrid, polo que desde o PP imos traballar incansablemente para defender á nosa xente e ao noso concello e que non se leve a cabo”, manifestou o edil do PP.
Por elo, o concelleiro popular anunciou que van presentar iniciativas políticas en Madrid, Santiago, Pontevedra e o propio Concello de Caldas e van empregar todas as ferramentas administrativas e sociais para tratar de cancelar este estudo informativo e solicitar que, no prazo máis breve posible, se redacte un novo que contemple opcións menos lesivas e daninas para o territorio, xa que lembrou que “esta Variante Oeste é imprescindible para o desenvolvemento e o futuro da vila”.
Reclamación ao BNG para que abandone o goberno local
Por outra banda, Fernando Pérez reclamoulle ao voceiro do BNG e tenente de alcalde de Caldas, Manuel Fariña, que rompa relacións co PSOE, “xa que é un partido que non está a facer nada para defender aos veciños e que agochadamente respalda este proxecto de variante”, e que abandone de inmediato o goberno bipartito “se de verdade está a carón da xente e contra estas propostas de trazado”.
“Entendemos que o concelleiro do Bloque non pode estar gobernando da man dun PSOE que é quen impulsa este prexudicial proxecto da Variante Oeste para Caldas de Reis. Se realmente quere estar a carón dos intereses dos veciños ten que romper amarras co partido que aposta por fender o noso territorio, porque non se pode estar en misa e repenicando. Se se mantén no goberno local será cómplice deste intento de desfeita, así que ten que decidir, neste momento tan decisivo da historia de Caldas, se está co PSOE ou está cos veciños”, concluíu o voceiro do PP.