O PP de Caldas de Reis defenderá o territorio fronte á “desfeita” da Variante Oeste proposta polo Ministerio de Transportes no Congreso dos Deputados e o Parlamento Galego
Caldas de Reis, 30 de agosto de 2025
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de anunciar que vai defender o territorio do concello fronte á “desfeita” do trazado máis puntuado no estudo informativo do proxecto da Variante Oeste e Acceso ao Porto de Vilagarcía á AP-9, impulsado polo Ministerio de Transportes, tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento Galego, xa que causa importantes afeccións e derruba vivendas en ata catro parroquias.
O voceiro municipal, Fernando Pérez, convidou esta semana ao deputado nacional Juan Bayón e ao autonómico Raúl Santamaría ao encontro informativo celebrado na parroquia de Godos –a máis afectada xunto con Santa María– para que coñecesen a problemática e ambos comezasen a artellar senllas iniciativas contra este proxecto en ambas cámaras.
“Quero agradecer a sensibilidade de ambos e a celeridade coa que viñeron a Caldas, xa que os avisamos o mesmo día da reunión, e se puxeron a disposición dos veciños afectados. Desde o PP de Caldas imos loitar por terra, mar e aire contra este trazado favorito con todas as ferramentas administrativas e legais e cun apoio absoluto e inquebrantable aos afectados”, detallou o concelleiro do PP.
Neste senso, Fernando Pérez indicou que os próximos pasos serán a presentación de alegacións contra os trazados do estudo ante a Subdelegación do Goberno e tamén a entrega das reclamacións dos veciños, cos que están colaborando ante o “desamparo total por parte do goberno local que, por non enfrontarse aos seus compañeiros de Madrid, está agochado e incluso tratando de impulsar que este trazado saia adiante sen importarlle mentir para elo acusándonos dun falso cambio de postura, xa que o PP mantén a mesma sobre a Variante Oeste desde hai máis de quince anos”.
Ademais, o líder do PP local indicou que pedirán colaboración e axuda en todas as portas e administración, tanto na Xunta como na Deputación, apoiarán aos veciños afectados na recollida de sinaturas e tamén tratarán de crear unha fronte común con Portas e Vilagarcía de Arousa, que son os outros municipios afectados.
Fernando Pérez tamén criticou con dureza a postura do goberno socialista sobre o suposto asesoramento e colaboración coa redacción das alegacións para cos veciños, “xa que o seu modelo de reclamación é unha absoluta trampa que supone aceptar de facto un trazado que rebenta o noso concello”.
“O alcalde defende que, dos seis trazados propostos, o máis puntuado é o menos lesivo para o noso territorio, cunha postura de resignación que non compartimos para nada. Ese percorrido parte e desfai o territorio e non serve e, se é mellor que os outros cinco, pois está claro que non vale ningún deles e haberá que comezar de novo e facer novas propostas, e niso vai estar, ata o final, o PP de Caldas”, concluíu o voceiro municipal.