O PP de Caldas de Reis acusa ao alcalde de “mentir e ocultar” a suba de impostos e taxas, xa que a recadación medrou un 30% en catro anos cunha forte alza do IBI
Caldas de Reis, 25 de xuño de 2025.-
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de acusar ao alcalde, Jacobo Pérez, de “mentir e ocultar” a existencia constante de subas de impostos e taxas do Concello e escudarse nunha “conxelación fiscal inexistente”, posto que revelou que a recadación por estes conceptos medrou un 30,6% nos últimos catro anos cunha forte alza do Imposto de Bens Inmobles (IBI). “O que é medible non é opinable, pero o máis dramático e que o alcalde minta deste xeito como se os veciños non pagasen os recibos cada ano”, sostivo o voceiro municipal, Fernando Pérez.
Os populares indicaron que a recadación fiscal pasou de 3,47 millóns de euros no ano 2020 a 4,54 millóns no pasado exercicio, o que supón un incremento dun millón de euros baseado principalmente nos máis de 200.000 euros anuais que se recadan de máis pola actualización de valores catastrais permitida polo goberno local. “Actuaron sutilmente para subir este imposto sen mover o tipo, pero impulsando que os recibos do IBI experimentaran unha forte suba”, sianlou Pérez.
Ademais, o concelleiro popular indicou que neste período tamén se están a subir outros tributos, como as taxas de auga ou de saneamento e, recentemente, o servizo de conciliación da Ludoteca de Verán, que pasou dos 60 euros mensuais de 2024 aos 65 do presente exercicio, o que supuxo un alza do 8,3% nun só ano.
Neste senso, o PP confirmou a suba xeralizada en todas ás áreas fiscais, xa que os impostos directos pasaron de 2,41 millóns a 3,12 millóns no período 2020-2024, os indirectos case se duplicaron de 69.000 a 127.000 euros e as taxas incrementáronse de 997.000 euros a 1,29 millóns neste mesmo tempo.
Por elo, acusou ao rexedor socialista de “agocharse detrás da realidade”, xa que Caldas de Reis sube os impostos “á calada”, xa que “supoñemos que lle dará vergoña” dado que xa ten unha das presións fiscais máis altas da provincia, con 472 euros por veciño ao ano, pero paralelamente “non chegan investimentos e servizos de calidade e nos estamos a quedar moi atrás con respecto aos demais concellos da bisbarra malia ser a capital”. Neste senso, exemplificou os casos do auditorio ou das instalacións deportivas “para comprobar como Moraña, Valga ou Portas están atendendo e ofrecendo mellores equipamentos aos seus veciños tras 45 anos de socialismo en Caldas”.