O PP de Caldas critica as irregularidades nas modificacións de crédito para acometer agora investimentos retrasados ou paliar algúns fallidos como a EDAR de Fieitoso

Caldas de Reis, 3 de xullo de 2025.-

O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de criticar as irregularidades no crédito extraordinario e no suplemento de créditos aprobados en pleno polo bipartito para tentar acometer investimentos que levan anos retrasados ou para paliar algúns totalmente fallidos como a EDAR de Fieitoso. “Estamos ante unhas operacións económicas á desesperada, dun goberno ineficaz que está en tempo de desconto e que só intenta salvarse, xa que contan con informes negativos de Intervención, polo que pasan por riba da legalidade”, sinalou o voceiro municipal, Fernando Pérez.

O concelleiro popular explicou que a maioría dos 1,15 millóns destas operacións vaise destinar a gasto corrente que tiñan pendente de pago e que o resto vaise orientar a obras pagadas pola Deputación, como o Campo da Torre, ou os fondos Next Gen, no caso da Carballeira, “polo que dá a sensación de que agora queren correr na súa xestión porque o tempo se lles bota enriba e a xente está máis que farta”. Ademais, explicou que estas modificacións crediticias irregulares xurden da falta de orzamentos 2025, aos que o bipartito renunciou incomprensiblemente, e á existencia de concesións anómalas, como a piscina ou a escola infantil, vencidas hai quince anos e que se manteñen de xeito anómalo.

O edil do PP tamén lamentou que estas operación sexan froito “de anos de retraso na xestión e na execución dos investimentos que precisa Caldas”, xa que os fondos obteranse do remanente existente por non cumprir cos orzamentos de anos anteriores e deixar sen investir o diñeiro dos mesmos.

Así mesmo, tamén lamentou que nestas operación houbera un recurte de 180.000 euros sobre o seu importe inicial, de 1,33 millóns, xa que desapareceron as partidas para as Pozas da Tafona, “nas que o goberno xa non pode facer máis o ridículo tras 18 anos”, a fachada do auditorio, o pintado do pavillón ou o patio da escola infantil.

Fernando Pérez tamén quixo facer un capítulo aparte coa EDAR de Fieitoso, en Carracedo, xa que lembrou que no ano 2018 investíronse 230.000 euros e nunca chegou a funcionar e agora teñen que destinar 270.000 euros máis cando, ademais e lamentablemente, só vai a beneficiar a dous lugares desta contorna. Por esta situación, reclamou a depuración de responsabilidades políticas, “xa que tiraron a mans cheas co diñeiro de todos os caldenses” e calificou de “surrealista e fóra da realidade” as xustificacións do alcalde, Jacobo Pérez, de que o asunto estaba depurado pola marcha de Juan Manuel Rey e polos apoios electorais obtidos posteriormente “como se PSOE e BNG houberan gañado as eleccións cando en realidade os veciños dixeron claro que tiñan que ir á oposición”.

Finalmente, lamentou a falta de transparencia e o bloqueo ao acceso á información e aos expedientes públicos ao grupo municipal do PP “nun intento burdo de entorpecer o noso traballo porque saben que teñen moito que ocultar e deixando totalmente en evidencia ao tenente de alcalde, Manuel Fariña, que cando estaba na oposición reclamaba unha transparencia que non predica e que se lles valeu unha reprimenda da Valedora do Pobo”.