O PP de Caldas consegue a unanimidade política para pedir ao Goberno de España a retirada do estudo da Variante Oeste no seu pleno extraordinario
27 de setembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis conseguíu onte á noite a unanimidade política da corporación para pedir ao Goberno de España a retirada do actual estudo informativo do proxecto «Variante Oeste e acceso do porto de Vilagarcía á AP-9» no pleno extraordinario convocado pola propia formación «para defender os intereses dos caldenses e evitar que ose fenda o noso territorio por cinco parroquias», en palabras do voceiro, Fernando Pérez.
Os populares esixiron, e así se acordou na sesión, que haxa «unidade de acción e representatividade» dos tres grupos municipais en todas as accións contra este proxecto e no apoio ás plataformas veciñais de Saiar, Godos, Bemil, Santa María e Arcos, xa que censuraron a «unilateralidade e falsidade» coa que actuou o goberno local socialista neste asunto «ata que o enfado da veciñanza contra o proxecto se converteu en clamor e non lle quedou outra».
Os acordos adoptados polo pleno de Caldas consisten en trasladar ao Ministerio de Transportes e á Dirección Xeral de Estradas a oposición do pobo de Caldas a todas as alternativas deste estudo, a solicitude da súa retirada definitiva, o reinicio do proxecto en torno ao trazado aprobado por unanimidade no pleno de Caldas o 16 de maio de 2007, a prestación de apoio municipal ás plataformas, a esixencia de que o Concello presente alegacións consensuadas, a asistencia dos tres grupos municipais a todas as reunións -para evitar a exclusión de PP e BNG como sucedeu na visita a Estradas na Coruña-, a solicitude de posicionamento ao Concello de Vilagarcía e o traslado deste acordo ao Concello de Portas, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.
Ademais, Fernando Pérez destacou que o PP está a actuar con responsabilidade e altura de miras «na defensa do mellor para o pobo de Caldas», polo que aceptou incluír nos acordos a engádega do BNG para solicitarlle tamén a Transportes a gratuidade do treito da AP-9 entre Carracedo e Saiar e completar o nudo de Carracedo, cuestións vencelladas a este proxecto. «Isto non vai de cores políticas, vai de Caldas e do seu futuro e niso o PP vai estar sempre e con quen faga falta», aseverou.
Malia isto, o voceiro popular, que reiterou as súas críticas ao Goberno de España e á empresa redactora do estudo por non ter en conta o trazado acordado en Caldas en 2008 e por facer unha proposta que «rebenta o noso territorio», amosouse moi crítico coa xestión e «sospeitoso escurantismo» do alcalde, Jacobo Pérez, e do PSOE local neste asunto, aínda que lle deu a benvida ao bando de oposición frontal ao proxecto agardando que esta nova postura sexa sinceira. «Teñen que plantarlle cara ao Goberno de España, dado que demostraron non ter ningunha influencia ante el, por este proxecto inadmisible que non respecta aos caldenses. O alcalde ten que elixir, ou PSOE ou Caldas», apostillou.
Neste senso, o concelleiro puxo en valor o traballo da súa formación lembrando que levan preguntando polo proxecto en moitos plenos desde o ano 2023 «e desde o goberno local se nos dicía que non sabían nada ata que revelaron que si cando xurdiu o proxecto da Vía Verde, o que demostra todo o que agocharon neste asunto xa que pretendía que pasara desapercibido para sacalo adiante e facerlle o traballo sucio ao PSOE de Madrid».
Así, Pérez lembrou que o PP foi o único partido que informou, xa desde o 17 de xullo, do período de exposición pública, «mentres o alcalde e o goberno socialista calaban, non informaban deste proceso como era a súa obriga e incluso dicían, nos plenos e xuntas de voceiros celebrados en agosto, que todo estaba tranquilo, que os veciños estaban encantados e que non facían falta reunións informativas, algo que se demostrou totalmente falso».
«O alcalde ata chegou a promover unha alegación que era unha aberración e unha auténtica rendición ante o proxecto e agora rectificou cando viu o enfado maiúsculo da xente, que incluso lle afeou a súa postura en varias reunións veciñais. Víuselle o plumeiro, pero aínda así dámoslle a benvida nesta loita e advertímoslle que estaremos vixilantes para que defenda a Caldas como se merece», concluíu Pérez.