O PP de Caldas confirma a escolarización de todos os nenos solicitantes no CEIP San Clemente, o mantemento das horas de inglés e o reforzo docente en Educación Infantil

Caldas de Reis, 4 de setembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de confirmar, tras recibir información oficial da dirección do CEIP San Clemente, que todos os nenos solicitantes de praza están escolarizados no colexio, que a Xunta de Galicia mantén exactamente as mesmas horas de inglés e que, ademais, aprobou a concesión dun Plan Mega para o reforzo de Educación Infantil.

Os populares cren que, deste xeito, o traballo da dirección do centro, da Anpa saínte e do propio PP de Caldas vén de dar os seus primeiros froitos e, ademais, “desmonta por completo as mentiras dun grupo de pais e nais que só pretende usar o colexio politicamente sen importarlles absolutamente nada a educación dos nosos fillos”.

Neste senso, o PP confirmou que todos os cativos que pediron prazas están matriculados no CEIP, “polo que non era certo que a Xunta deixara a ninguén se praza e incluso, entre os escolarizados, figura a neta da casa cara a que se fixo o cordón humano como protesta, polo que non quedou fóra do centro”.

Así mesmo, advertíu que o colexio mantén as mesmas horas de impartición de inglés “o que contrasta cos bulos dos recurtes pregoados por uns poucos” e tamén que haberá un docente máis de apoio ao ensino en Infantil. E todo elo, complementado cunha forte aposta polo centro, posto que as importantes obras de mellora, orzamentadas pola Xunta en 400.000 euros, xa están en marcha.

“Desde o PP de Caldas, que somos quen está a traballar con responsabilidade e de verdade polo San Clemente, imos seguir pelexando pola terceira unidade de Infantil sen desmaio, pero non imos permitir, en ningún caso, que esta loita sexa aproveitada por un grupo de pais para mentir sobre un desmantelamento e uns recurtes que non existen co único obxectivo de obter determinados fins políticos. É indigno que se estivera a movilizar á xente con mentiras xerando unha falsa alarma e os feitos están aí para desmontar toda esta situación”, sosteñen desde o PP.

Finalmente, os populares quixeron agradecer a enorme colaboración por parte da dirección do centro, que foi o elemento máis importante para a consecución destes fitos e do futuro do colexio, e tamén ao equipo saínte que estaba ao fronte da Anpa, “agardando que os novos rectores poidan achegarse á altura do seu gran traballo”.