O PP de Caldas arranca a precampaña, a redacción do programa e o proxecto do “cambio histórico e urxente” para alcanzar a Alcaldía por primeira vez na historia

Caldas de Reis, 3 de setembro de 2026

O PP de Caldas de Reis vén de celebrar un encontro dos integrantes do seu grupo municipal e da executiva local, presidido polo voceiro municipal, Fernando Pérez, que serviu para arrancar a precampaña a 262 das eleccións locais, a redacción do programa e o proxecto integral para o “cambio histórico e urxente” que precisa o Concello para alcanzar a Alcaldía por primeira vez na historia.

“O PSOE goberno os 47 anos de democracia en Caldas e atópase totalmente esgotado e esmorecido, sen atender as necesidades básicas dos nosos veciños e sen un proxecto ambicioso para unha vila que debe exercer de capital da comarca. Levan xa bastantes anos arrastrando os pés e chegou o momento, porque así nolo transmiten os caldenses, de que chegue a alternancia e un proxecto potente e dinamizador da man do PP e imos poñer todos os nosos folgos en ofrecérllelo ao pobo”, salientou Fernando Pérez.

Neste primeiro encontro de traballo orientado ás eleccións municipais -xa que o partido reúnese todos os meses-, comezaron a preparar os compromisos do programa para o mandato 2027-2031, entre os que destacan principalmente o desbloqueo e construción do centro de saúde, paralizado pola neglixencia do alcalde para poñer os terreos a disposición da Xunta; un novo auditorio con capacidade suficiente e máis servizos socioculturais; unha Variante Oeste consensuada coa veciñanza; unha maior atención ás parroquias, que están totalmente abandonadas; e a consecución de máis investimentos de Xunta e Deputación para dotar ao municipio de novas infraestruturas, equipamentos e servizos públicos.

“Estamos ante o peor mandato, de longo, da historia democrática de Caldas, e iso que o anterior xa foi malísimo, algo que confirmaron os veciños nas eleccións de 2023 cando lle deron un varapau ao PSOE e outorgáronnos a vitoria con máis do 47% dos votos. O alcalde entrou pola porta de atrás e se atopa totalmente superado e condicionado polo sectarismo do BNG e o seu partido, que xa perdeu as últimas eleccións atópase en declive”, analizou o voceiro popular, que lamentou que na actualidade “o devir do concello sexa totalmente errático pola falta de xestión, polo que os veciños ansían un cambio e imos traballar arreo para ofrecerllo e que nos outorguen a súa confianza”, concluiu.