O PP de Caldas anuncia alegacións e pide ampliación do prazo de exposición do estudo informativo da Variante Oeste ante a gran preocupación veciñal polas afeccións
Caldas de Reis, 27 de agosto de 2025
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de anunciar as súas primeiras accións fronte ao estudo informativo dao proxecto da Variante Oeste da localidade e acceso do Porto de Vilagarcía á AP-9, impulsado polo Ministerio de Transportes, e que consistirán na presentación de alegacións e na solicitude dunha ampliación do prazo de exposición pública, que en principio remata o 1 de setembro.
Os populares veñen de posicionarse deste xeito polas gravísimas afeccións das seis alternativas incluídas neste documento e especialmente pola máis puntuada, a C3B, que causaría estragos nas parroquias de Santa María e Godos e tamén, aínda que en menor medida, nas de Saiar e Bemil. Ademais, a súa confrontación contra este documento vén marcada na súa postura de “total apoio” aos afectados, que están “moi preocupados e moi nerviosos, con toda a razón do mundo, porque están totalmente abandonados polo goberno local PSOE-BNG e porque o Goberno de España está tentando colar este estudo e estes trazados pola porta de atrás”.
Neste senso, o PP local lamentou a “postura escurantista e a absoluta deixación de funcións” por parte do executivo de Jacobo Pérez, posto que “nin convocou reunións, máis alá da que lle esixíu a Entidade Local Menor de Arcos da Condesa, nin está a respaldar aos veciños nunha clara postura de apoio ao Goberno de España para sacar adiante un proxecto que fende ao noso concello”.
O voceiro popular, Fernando Pérez revelou que os veciños afectados están comezando a programar reunións unilaterais e propias ante o abandono municipal –hoxe está prevista en Godos e mañá en Santa María– e tamén están comezando a recoller sinaturas contra o trazado máis valorado do estudo, que derrubaría catro casas e destrozaría estas parroquias, e a preparar alegacións sen a axuda nin asesoramento do Concello. “O goberno local estase desentendendo por completo nunha clara sinal de abandono a Caldas e aos seus veciños, e ata na reunión en Arcos –afectada en dúas das seis propostas do estudo–, con presenza do alcalde, o presidente da Entidade Local, que tamén é do PSOE, ata lle afeou que ocultaran toda a información nun tema de tanto calado”, sinalou o edil do PP.
Ademais de lamentar a postura do bipartito, que incluso negou que houbera afeccións graves na xunta de voceiros esixida polo PP tras o pleno do 5 de agosto, Fernando Pérez tamén criticou as accións do Goberno de España, “que elixíu o mes de agosto e optou por un trámite de urxencia para esta exposición pública nunha clara actitude escurantista para tentarnos colar uns trazados que son moi lesivos para o noso territorio”.
Finalmente, garantíu que o PP de Caldas vai defender aos veciños “ata as últimas consecuencias” e, dada a gravidade das alternativas propostas, considera que se debe facer unha fronte común cos representantes dos concellos de Vilagarcía de Arousa e Portas, que son os outros afectados, para tratar de deter este sensentido e que a Variante Oeste se faga de xeito respectuoso cos veciños, coas vivendas e cos territorios.
“Se houbera un goberno do PP en Madrid, Jacobo Pérez e Manuel Fariña terían as rúas cheas de pancartas, pero como son os seus os que promoven esta desfeita, están coa cabeza agochada, dicindo amén e abandonando aos veciños, pero non llo imos consentir”, concluíu.