O PP de Caldas alerta dun novo retraso na construción do Centro de Saúde tras a incomparencia do goberno local á sinatura do convenio coa Xunta

Caldas de Reis, 25 de xaneiro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de alertar de que a construción do novo Centro de Saúde na contorna de Santa María vai sufrir un novo retraso pola exclusiva responsabilidade do goberno local, posto que o convenio coa Xunta segue sen asinarse malia que a Consellería de Sanidade convocou data para elo a finais do mes de decembro e, incomprensiblemente, houbo unha “sonora incomparencia” do bipartito.

Os populares, ante a “nova crítica impostada” por parte do tenente de alcalde, Manuel Fariña, revelaron que nos últimos días do pasado 2024 a Xunta remitíu unha comunicación con data e hora para rubricar o convenio e comezar inmediatamente co proceso de contratación da obra, pero non se presentou ninguén por parte do Concello de Caldas de Reis.

“Non lles importan absolutamente nada os veciños nin os servizos e as infraestruturas do noso municipio e por iso bloquean e paralizan actuacións tan importantes coma esta. Tanto PSOE como BNG só queren excusas para poder criticar á Xunta e ao PP co obxectivo desesperado de tentar salvar o goberno municipal polos pelos e cun pacto de perdedores como fixeron hai ano e medio, pero ao final todo se sabe e as mentiras teñen as patas moi curtas”, lamentou o voceiro municipal, Fernando Pérez.

O concelleiro do PP cre que, con esta actitude, que se prolonga desde hai máis de cinco anos cos coñecidos problemas de consecución de terreos e os posteriores de urbanización e accesos –estes últimos aínda sen resolver– “están a poñer en perigo a execución do novo centro médico” e deu por feito, case un mes despois da súa incomparecencia á sinatura do convenio, “que van provocar coa súa irresponsabilidade un novo adiamento, polo menos, ata o ano 2026”.

O edil popular lembrou que os Orzamentos 2025 da Xunta si que contemplan fondos para esta “actuación fundamental” ao abeiro do Plan de Infraestruturas Sanitarias e que suporá un investimento de 5 millóns de euros, “pero a este paso van acabar indo para outro concello, tal e como advertimos o pasado mes de agosto, porque o bipartito está xogando coa saúde e co Centro de Saúde que merecenos caldenses por exclusivo tacticismo electoral, algo que é lamentable”.

Finalmente, Pérez amosou o seu acordo co BNG en que a demora no inicio das obras do novo punto médico está totalmente inxustificada, pero apuntou que a Consellería de Sanidade ten o máximo interese, tal e como demostra en moitos concellos veciños gobernados por forzas de esquerda onde estes centros xa están en marcha, “pero en Caldas tópase coa tenacidade e resistencia dun bipartito que publicamente solicita axilidade, pero que por detrás entorpece porque electoralmente non lle interesa esta obra, o que é dunha solemne tristeza”.