O PP de Caldas acusa ao alcalde de traizoar ao pobo por negociar ás agochadas a continuidade da tramitación da Variante Oeste contra o acordado coas plataformas veciñais
Caldas de Reis, 21 de agosto de 2026
O grupo municipal do PP de Caldas de Reis vén de acusar ao alcalde, Jacobo Pérez, de traizoar ao pobo, aos veciños e ás plataformas de afectados polo proxecto da Variante Oeste por seguir negociando ás agochadas a continuidade da tramitación do estudo informativo rexeitado unánimemente contra o acordado coas plataformas veciñais.
Os populares lembraron que, ante a forte contestación social que espertou o proxecto impulsado polo Ministerio de Transportes e polo propio rexedor -que logo renegou do mesmo-, o pasado mes de abril pactouse unha moción entre todos os grupos políticos e as plataformas parroquiais na que se lle pedía ao Goberno de España a anulación do citado estudo informativo e o reinicio dun novo, consensuado entre todas as partes, dado que Caldas de Reis precisa da citada variante.
Malia esta petición, o PP indicou que sorprende que, tantos meses despois, o ministerio siga mantendo vivo o estudo informativo e dita situación débese a que o alcalde está tratando de aproveitar dito expediente, contra o falado coas plataformas e os grupos de PP e BNG, para tratar de sacar adiante algún tipo de trazado ou percorrido, sen importarlle as consecuencias lesivas para o territorio, antes das eleccións municipais.
Así, os populares revelaron que Jacobo Pérez está a realizar xestións escurantistas e a toda présa co Goberno de España “para tentar que se aprobe algún percorrido antes do mes de maio pola súa desesperación electoral, xa que a súa xestión está a ser desastrosa, non fixo nada de calado polo concello e sabe que ten a continuidade na Alcaldía moi complicada, polo que non lle importa vender ao concello nunha actitude totalmente desprezable”.
Así, desde o PP explicaron que o alcalde leva tempo mantendo contactos co ministerio para que lle aproben algún trazado “aínda que sexa cunha actuación contraria á acordada coas plataformas, ás que non lle traslada ningunha información” e indicaron que, nesta actuación escurantista, enmárcase a súa proposta urxente no pleno do mes de agosto para que se aproveite o lesivo estudo informativo existente en vez de pedir a anulación como se fixo en abril.
“O alcalde presentou este agosto un acordo contrario ao aprobado hai catro meses, xa que en vez da anulación do expediente, pide que se aproveite a tramitación. Esta proposta saíu adiante no pleno co apoio do BNG porque, en palabras do propio rexedor, ‘se non, non chegamos a maio de 2027’, polo que xa deixa ben ás claras que o seu único interese é ter un fito co que concorrer ás eleccións aínda que sexa contra as plataformas veciñais e contra o interese xeral de Caldas de Reis”, laiouse o voceiro municipal, Fernando Pérez, que recalcou que non consentirá ningún trazado feito ás presas que repita os erros e fenda o territorio de moitas parroquias.